- O 80% dos europeos asegura ter padecido alomenos un problema grave derivado do cambio climático no último lustro
- O estudo, baseado nunha exhaustiva consulta a máis de 27.000 cidadáns dos 27 Estados membros, debuxa un mapa de vulnerabilidade no que a calor extrema constitúe o elemento máis relevante
- Así mesmo, a investigación revela que a capacidade de protección está intimamente ligada ao nivel de ingresos
Cerceda, 5 de maio de 2026.-A crise climática estase a converter nunha realidade cotiá que golpea a catro de cada cinco europeos. Segundo o recente informe «Sobrequentado e pouco preparado», elaborado de forma conxunta pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) e a Fundación Eurofound, o 80% dos europeos asegura ter padecido alomenos un problema grave derivado do cambio climático no último lustro.
O estudo, baseado nunha exhaustiva consulta a máis de 27.000 cidadáns dos 27 Estados membros, debuxa un mapa de vulnerabilidade no que a calor extrema constitúe o elemento máis relevante.
Os datos son contundentes: case a metade dos enquisados sufriu temperaturas excesivas na súa vivenda ou lugar de traballo, mentres que máis do 60% percibiu unha calor sufocante nos seus barrios. Con todo, a brecha entre a ameaza e a resposta é alarmante, pois, tal e como advirte Ivailo Kalfin, director executivo de Eurofound, “O cambio climático afecta á vida da gran maioría, pero só unha cuarta parte conta cos instrumentos adecuados para enfrontalo”
Protección insuficiente
A investigación revela que a capacidade de protección está intimamente ligada ao nivel de ingresos. Mentres que a preocupación por incendios forestais e temperaturas extremas crece, especialmente entre os mozos, mulleres e habitantes do sur de Europa, a preparación doméstica é deficitaria. Un de cada cinco europeos carece de calquera medida de protección básica, xa sexa illamento, sistemas de ventilación ou seguros específicos.
Un 38% dos cidadáns admite que non pode permitirse manter o seu fogar fresco durante os meses estivais, unha cifra que se dispara ata o 66% en familias con dificultades económicas. Os grupos máis expostos, como inquilinos e persoas con saúde precaria, son precisamente os que menos recursos teñen para adaptar as súas vivendas.
O informe conclúe que, se ben a preocupación social é elevada, a infraestrutura privada e pública aínda non está á altura da magnitude e frecuencia dos fenómenos extremos que xa están a transformar a vida no continente.
Fonte: Ambientum