SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Instagram
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Dar exemplo, a mellor forma de educar aos pequenos no consumo consciente e responsable

Print this pagePrint this pagePrint this page
  • Utilizar xogos, facelos protagonistas, ensinarlles o poder dos xestos sinxelos, así como a importancia de ser pacientes e conciencialos sobre a importancia de adquirir produtos e servizos sostibles son, entre outras, algunhas das estratexias pedagóxicas a seguir.

Cerceda, a 11 de agosto de 2020.- O consumidor responsable é aquel que adquire produtos ou servizos guiado por criterios medioambientais e sociais, e mantén en todo momento unha conduta consciente e crítica para o uso máis eficiente dos recursos.

Así se destaca nun artigo publicado na plataforma Consumer, onde se incide tamén na necesidade de educar aos nenos nesta liña para que o seu modelo a seguir sexa consumir menos e facelo de forma máis sostible.

1. Dar exemplo é a mellor escola

Os adultos (pais, profesores…) “son o principal referente no que se fixan os máis pequenos á hora de adquirir pautas e hábitos”.

2. Educalos xogando

Inscribir aos fillos en talleres ou  actividades en ludotecas onde se realicen xogos sobre consumo ou ben fomentalos na casa e adaptar o tipo de linguaxe utilizada en cada caso.

3. Ensinar a consumir menos

É importante que os nenos se pregunten “que é prescindible e que non” e que sexan críticos e cheguen ao fondo das cuestións”. É preciso explicarlles que é crucial consumir menos, porque a reciclaxe non é a solución a todas as toneladas de residuos que xeramos.

4. Comprar produtos sostibles

Ao facer as compras, ensinar aos pequenos a elixir os produtos polo seu prezo e a súa calidade, pero tamén polo seu respecto ambiental.

  • Adquirir artigos con envases lixeiros (non sobreenvasados).
  • Apostar polos produtos a granel.
  • Substituír as bolsas plásticas dun só uso por bolsas reutilizables, cestas, etc. 
  • Usar carro para facer a compra e así non empregar bolsas para o transporte.
  • Evitar beber auga embotellada en plástico; só en vidro ou outro tipo de envase. O máis conveniente é beber auga do grifo en lugar de adquirila embotellada.

 5. Facer protagonista ao neno

Gústalles axudar e colaborar, e realmente contribúen a transformar os costumes familiares, pois, en moitas ocasións, “son eles, a partir do traballo levado a cabo na escola, os que levan novos hábitos aos fogares”

6. Ensinar o poder dos xestos sinxelos

Apagar as luces, pechar os grifos para aforrar auga, baixar a calefacción, etc. En definitiva, trasladarlles “como o feito de aforrar electricidade, calefacción, auga ou combustible fai que mellore a calidade de vida da colectividade”.

7. A importancia de esperar

Resulta esencial facerlles ver que, antes de comprar algo que lles guste, “deben deixar pasar un tempo para saber se de verdade o queren ou é un capricho pasaxeiro“. E, aínda que o tiveran decidido, é conveniente que agarden  para conseguilo: aforrar a paga, analizar se se adecúa ás pautas de consumo recomendadas, etc.

8. Consumo máis solidario

Ao adquirir produtos é necesario mostrar aos pequenos a importancia de que sexan solidarios, xa que son elaborados por empresas que cumpren cos dereitos humanos e a xustiza social.

Fonte: Consumer

Imaxe: Pixabay

11 Ago 2020

Galería