- O obxectivo deste encontro, organizado pola CEG, coa colaboración da Xunta e a SGPRL, non era outro que invitar a unha reflexión sobre a evolución da sinistralidade laboral en Galicia nas últimas tres décadas e os novos desafíos que expón unha contorna laboral en constante cambio
Cerceda, 27 de outubro de 2026.- A directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, acompañada por persoal do Departamento de Relacións Laborais e Prevención de Riscos desta empresa pública, asistiu ao Foro que, co título “Regreso ao futuro da prevención dos riscos laborais”, celebrouse onte en Santiago de Compostela baixo a organización da Confederación de Empresarios de Galicia (CEG), contando coa colaboración da Xunta de Galicia e a Sociedade Galega de Prevención de Riscos Laborais (SGPRL).
No marco do trixésimo aniversario da Lei 31/1995 de Prevención de Riscos Laborais e a declaración de 2026 como Ano da Seguridade e Saúde no Traballo, o obxectivo deste encontro non era outro que invitar a unha reflexión sobre a evolución da sinistralidade laboral en Galicia nas últimas tres décadas e os novos desafíos que expón unha contorna laboral en constante cambio.
Logo do acto de apertura institucional, que correu a cargo do vicepresidente da CEG, á súa vez, presidente da CEC, Antonio Fontenla Ramil, e a Xerente do Instituto de Seguridade e Saúde Laboral de Galicia, Adela Quinzá-Torroja, foi esta última a que, a través dun relatorio, deu a coñecer a evolución, fitos e retos pendentes na prevención de riscos laborais. Pola súa banda, Carlos Montes Piñeiro, presidente da SGPRL, debullou a figura das persoas técnicas de prevención e os novos riscos.
Estratexias e boas prácticas empresariais
Unha mesa redonda moderada por María Botana Rocamonde, asesora de PRL da CEC e presidenta de Aprosal, analizou a nova sinistralidade laboral, prestando especial atención ás estratexias, ferramentas e boas prácticas empresariais. Para isto contou cos coñecementos e achegas de Carlos Martínez Corral, Responsable de Seguridade e Saúde Laboral de Civis Global; Roberto Manteiga López, Xerente de Seguridade e Saúde Laboral en Ence; Juancho Armental López, Xerente do Grupo Arestora; Manuel Freire López, Responsable de Saúde e Seguridade Laboral en Navantia Ría de Ferrol; e Jacobo Cuenca Rodríguez, Director de Seguridade e Saúde, Calidade e Medio Ambiente en Nogar.
Despois da quenda de preguntas, o evento culminou coa presentación das conclusións dos dous grupos de traballo creados neste foro. Por unha banda, Pedro Bruzos Lama, Director do Departamento Técnico de Previsonor, expuxo as relativas ao papel da figura das persoas técnicas de prevención e os servizos de prevención nunha era de transicións e cambios vinculados á dixitalización e ao reto demográfico, mentres que Rocío Fernández García, Técnica de Prevención desta mesma entidade, fixo o propio en relación á análise da evolución da sinistralidade laboral desde a lei 31/1995 e estratexias para reducila na comunidade galega.
Saúdos, Departamento de Comunicación