- Moitos destes materiais manteñen as súas propiedades fisicoquímicas durante a reciclaxe, permitindo reincorporalos na fabricación de produtos similares aos orixinais
- Reciclar tan só 10 latas de aluminio, evita a emisión de 1,5 kg de CO₂ equivalente, mentres que reciclar cobre consome entre un 70 e un 95 % menos enerxía que a minería primaria, á vez que reduce a pegada de carbono a 0,3-0,5 kg CO₂ equivalente
- Actualmente, só se recicla o 1 % das terras raras utilizadas en compoñentes electrónicos
Cerceda, 12 de xaneiro de 2026.- O acceso a materias primas foi historicamente un factor crave no desenvolvemento de civilizacións e segue a marcar a xeopolítica actual. De aí que a implantación dunha verdadeira economía circular dos metais se posicione como un eixo estratéxico prioritario no século XXI, xa que moitos destes materiais manteñen as súas propiedades fisicoquímicas durante a reciclaxe, permitindo reincorporalos na fabricación de produtos similares aos orixinais.
De feito, reciclar unha tonelada de aluminio reduce drasticamente o consumo enerxético e as emisións de gases de efecto invernadoiro. Tan só coa reciclaxe de 10 latas de aluminio, evítase a emisión de 1,5 kg de CO₂ equivalente. Desde o punto de vista económico, a venda de aluminio reciclado pode xerar marxes de beneficio de 3 a 5 veces superiores aos da produción primaria.
Pola súa banda, reciclar cobre consome entre un 70 e un 95 % menos enerxía que a minería primaria e reduce a pegada de carbono a 0,3-0,5 kg CO₂ equivalente, fronte a 4-5 kg na extracción convencional. No fogar, a chatarra de cobre atópase en cables, tubaxes e electrodomésticos, e a súa recuperación é sinxela mediante centros de reciclaxe.
Así mesmo, os 17 elementos coñecidos como terras raras, esenciais nos sectores industrial, médico e de defensa, presentan un desafío particular. China concentra o 37 % das reservas mundiais e, actualmente, só se recicla o 1 % das terras raras utilizadas en compoñentes electrónicos, o que evidencia a necesidade de innovar en reutilización e recuperación tralo fin de vida dos produtos. Continuar coa minería masiva xera impactos ambientais significativos e riscos xeopolíticos.
Por todo isto, faise necesario coñecer a composición dos produtos que utilizamos e fomentar a súa reciclaxe, reparación e reutilización para pechar o ciclo dos metais. A economía circular non só reduce a presión sobre os recursos naturais e a contaminación, senón que tamén fortalece a seguridade industrial e xeopolítica, garantindo unha subministración estable de materiais estratéxicos para a industria moderna.
Fonte: Gestores de Residuos