- A “Guía de ecodeseño para envases de vidro do sector da auga mineral” ofrece varias recomendacións e mellores prácticas para reducir o peso dos envases, mellorar a súa reciclabilidade ou optimizar formatos, entre outras medidas
- Grazas ao ecodeseño, Ecovidrio e a industria envasadora evitaron nos dous últimos anos xerar case 12.000 toneladas de residuos
Cerceda, 28 de xaneiro de 2026 – Ecovidrio e a Asociación de Augas Minerais de España (ANEABE) presentaron a “Guía de ecodeseño para envases de vidro do sector da auga envasada”, onde se recollen as mellores recomendacións para que as empresas españolas de auga mineral que envasan en vidro poidan fabricar os seus envases da forma máis sostible posible.
Así, ofrécense distintas alternativas para o deseño e fabricación de envases, ordenadas en función do impacto que teñen en todo o seu ciclo de vida –produción e reciclaxe– e estruturadas ao redor de sete grandes liñas de traballo: a eliminación de elementos de envasado, a redución do peso unitario dos envases, a optimización dos formatos, a mellora da súa reciclabilidade ou a redución da súa pegada ambiental, entre outras.
Algunhas das recomendacións máis destacadas son o uso de pegamentos con menor poder de adherencia para que as etiquetas se desprendan con facilidade, o uso de alternativas dixitais como o QR para ampliar a información das etiquetas que non é obrigatoria, ou o uso de serigrafía ou gravado como alternativa á etiquetaxe se o deseño do envase o permite; a redución do peso das tapas; favorecer a separabilidade dos elementos unidos á botella para facilitar a súa reciclabilidade; a procura de formatos máis lixeiros: a eliminación daqueles elementos decorativos ou adicionais que non sexan indispensables; ou o aumento da porcentaxe de vidro reciclado na fabricación de novos envases, entre outras.
O ecodeseño logra evitar 12.000 toneladas de residuos
A etapa de deseño dun envase ten un papel crave, xa que esta fase pode determinar ata o 80 % do impacto ambiental que vai xerar, segundo a Fundación Ellen MacArthur. Ademais, o ecodeseño e a prevención son un requisito esencial para cumprir co novo marco normativo, que establece que, para 2030, todos os envases postos no mercado deberán ser reciclables e, cando sexa posible, reutilizables.
De feito, segundo os últimos datos dos Plans de Prevención e Ecoeiseño 2023-2027, Ecovidrio e a industria envasadora lograron evitar nos dous últimos anos a xeración de case 12.000 toneladas de residuos, grazas ao compromiso das 446 empresas subscritas aos plans e á implementación de máis de 1.200 medidas de ecodeseño para reducir o impacto dos seus envases.
Nos dous primeiros anos dos plans 2023-2027 rexistráronse melloras considerables con respecto ao trienio anterior, o que ofrece previsións moi prometedoras para o próximos tres anos que quedan de implementación do programa, que busca incrementar a sostibilidade dos envases de vidro que se poñen no mercado.
Fonte e imaxe: ANEABE