- A activa participación dos escolares foi unha constante durante toda a xornada, e non só realizando preguntas, senón mesmo propoñendo ideas prácticas para reutilizar distintos materiais
- Se ben distinguían a meirande parte dos contedores e coñecían os residuos asociados a cada un, presentaron máis dúbidas no caso do amarelo, para envases lixeiros, latas e briks
- Despediron a xornada bailando a ritmo de pop-rock co jingle de Sogama, que reproduciron varias veces
Cerceda, 9 de xullo de 2026.- Educadores de Sogama desprazáronse onte á Escola Xílgaros de Carballo (A Coruña), no marco dun campamento de verán deseñado para Infantil e Primaria, co obxectivo de mostrar aos pequenos como separar os residuos por tipos de material e en que recipientes introducilos a fin de que poidan ser reciclados.
Non obstante, e antes de entrar nesta temática, explicaron, desde unha dimensión lúdica e divulgativa, a problemática orixinada pola elevada produción de lixo, a importancia dun consumo consciente e responsable, así como a necesidade de dar novas vidas aos obxectos a través da reutilización. E, unha vez convertidos en residuos, clasificalos e depositalos de forma diferenciada nos distintos contedores de recollida selectiva habilitados nas vías públicas.
A activa participación dos escolares foi unha constante durante toda a xornada, e non só realizando preguntas e consultando dúbidas, senón mesmo propoñendo ideas prácticas para reutilizar distintos materiais que, de non alongar a súa vida útil, acabarían no cubo do lixo.
Mostráronse aliñados coa cultura do máximo aproveitamento e o mínimo desperdicio, e convencidos dos beneficios que trae consigo a reciclaxe, xa que permite aforrar materias primas virxes e enerxía.
Se ben distinguían a meirande parte dos contedores e coñecían os residuos asociados a cada un, presentaron máis dúbidas no caso do amarelo, para envases lixeiros, latas e briks.
Concluída a formación, os monitores organizaron unha serie de xogos didácticos para afianzar, dunha forma amena e divertida, os coñecementos adquiridos.
Os pequenos despediron a xornada bailando a ritmo de pop-rock co jingle de Sogama “Reduce, reutiliza e recicla”, que reproduciron varias veces.
Saúdos, Departamento de Comunicación