- Comprar produtos que non necesitamos constitúe unha mala práctica que leva a desembolsos económicos cuantiosos e desatinados, así coma nun notable incremento da produción de refugallos
- Antes de consumir, revisa o que tes e podes aproveitar e reutilizar, e planifica a adquisición de artigos que respondan as túas necesidades, que sexan locais, de calidade, duradeiros e sostibles
Cerceda, 14 de xaneiro de 2026.- As Rebaixas de principios de ano adoitan ser unha das épocas de maior actividade comercial. En moitas ocasións, os cidadáns, atraídos polos descontos en distintos produtos, lánzanse a comprar sen avaliar se os necesitan ou non, o que acaba traducíndose en desembolsos económicos cuantiosos e desatinados, así coma nun notable incremento da produción de residuos.
É por isto que, nestas datas, é preciso consumir de forma consciente e responsable, planificando con antelación, identificando necesidades reais, establecendo un límite de gasto para manter o control e evitando que os artigos adquiridos acaben converténdose en refugallos.
Antes de lanzarnos a comprar de forma compulsiva e desmedida, é necesario ter en conta algúns consellos:
1.- Revisa o que tes na casa e avalía o que aínda podes reparar, reutilizar ou aproveitar. Sorprenderaste.
2.-Fai unha lista do que precisas e cínguete a ela. Pensa se o que queres comprar necesítalo realmente.
3.- Compara prezos e asegúrate de que obtés o mellor.
4.- Menos é máis. Aposta por adquirir menos produtos, pero de maior calidade e máis sostibles.
5.- Prioriza os artigos de longa duración, evita a obsolescencia programada, así como a moda rápida de usar e tirar. Crea un fondo de armario con pezas de calidade que poidas utilizar moitos anos.
6.- Consome no comercio local. Contribuirás á economía e ao emprego da túa contorna, e beneficiarás ao medio ambiente.
7.- Na medida do posible, evita as compras en liña. O transporte, o almacenamento e toda a embalaxe e empaquetado, son fontes de contaminación que se disparan en rebaixas de forma notable. Ademais, unha porcentaxe moi alta destas compras devólvense, o cal duplica os efectos negativos.
8.- Lembra que o mellor residuo é o que non se produce, pero cando se xeran, debes separalos por tipos de material e depositalos no contedor correspondente para garantir a súa reciclaxe.
• Amarelo: envases de plástico, latas e briks
• Azul: papel e cartón
• Iglú verde: envases de vidro
• Marrón: materia orgánica
• Xenérico: fracción resto
Saúdos, Departamento de Comunicación