- A través dunha xornada formativa, desenvolvida na Sala Multiusos da Casa do Concello, explicouse a ambos os dous colectivos, e en sesións diferenciadas, a necesaria aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) para diminuír a produción de residuos e fomentar a súa transformación en recursos
Cerceda, 12 de xaneiro de 2026.- A solicitude do Concello de Vilar de Santos (Ourense), escolares e adultos deste municipio foron instruídos por educadores de Sogama na correcta xestión dos residuos que producen cada día para minimizar o impacto ambiental dos mesmos e fomentar a súa recuperación.
Durante a sesión matutina, os escolares foron os protagonistas da xornada, que se levou a cabo na Sala Multiusos da Casa do Concello. As explicacións centráronse no principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe) e as súas bondades para diminuír a xeración de residuos, para aproveitar ao máximo os produtos e darlles novas utilidades e, por suposto, e unha vez esgotada a súa vida útil, para propiciar a súa transformación en novos recursos. Con tal fin, e con carácter previo, resulta necesario separar os refugallos por tipoloxías e depositalos no contedor correspondente, xa que, sen este labor de segregación, a reciclaxe non será viable e perderanse todos os seus beneficios, como poden ser o aforro no consumo de materias primas e enerxía.
Para afianzar coñecementos e propiciar que a sesión fose dinámica, divertida, amena e práctica, utilizáronse diferentes xogos, como é o caso da caixa sensorial ou o dado da reciclaxe.
Xa pola tarde, a xornada dirixiuse a adultos, entre os que se atopaban traballadores do propio Concello. Mostraron moito interese en coñecer con detalle o proceso de xestión e tratamento de cada tipo de residuo, especialmente no caso da materia orgánica e a implantación do contedor marrón, e tamén na propia operativa e actividade de Sogama, incluíndo a súa infraestrutura industrial, loxística e transporte, e mesmo os seus programas de educación ambiental.
En Concello de Vilar de Santos está adscrito ao programa de compostaxe doméstica a través da Deputación Provincial de Ourense.
Saúdos, Departamento de Comunicación