- O obxectivo é trasladar ao sector industrial a súa experiencia na incorporación de materias primas secundarias e contribuír á innovación en sostibilidade
- O documento recolle aprendizaxes en ámbitos tales como a enxeñaría, o deseño e as operacións para facilitar a integración de materiais reciclados na fabricación de dispositivos
Cerceda, 9 de abril de 2026.- A compañía tecnolóxica Google publicou unha nova guía técnica sobre o uso de materiais reciclados en produtos electrónicos de consumo coa pretensión de trasladar ao sector industrial a súa experiencia na incorporación de materias primas secundarias e contribuír á innovación en sostibilidade.
Baixo o título “Recycled Materials Guide”, o documento recolle aprendizaxes en ámbitos tales como a enxeñaría, o deseño e as operacións para facilitar a integración de materiais reciclados (plásticos, aluminio, aceiro inoxidable ou metais críticos —entre eles cobalto, cobre, ouro, estaño, tungsteno e terras raras—) na fabricación de dispositivos.
A publicación enmárcase na estratexia da compañía iniciada en 2019, cando se fixou o obxectivo de incorporar materiais reciclados en todos os seus novos produtos de hardware de consumo. Logo de acadar esta meta antes do previsto, en 2020 a empresa elevou a súa ambición ao establecer como obxectivo que, alomenos o 50% do plástico utilizado nos seus dispositivos, procedese de fontes recicladas ou renovables. Segundo os datos máis recentes, o 48% do plástico empregado nos produtos fabricados en 2025 xa corresponde a contido reciclado.
Desde a entidade sinalan que un dos principais retos foi o desenvolvemento de cadeas de subministración capaces de garantir un fluxo estable de materiais reciclados. Neste contexto, identifican unha barreira estrutural no sector electrónico: a falta de oferta limita a adopción por parte dos fabricantes, mentres que a ausencia de demanda desincentiva a produción a gran escala.
Para abordar este problema, a empresa traballou en colaboración con provedores co obxectivo de estimular tanto a oferta como a demanda de materiais reciclados, contribuíndo así ao desenvolvemento de modelos de economía circular na industria electrónica.
Con esta iniciativa, Google pon o foco na estandarización de prácticas sostibles no sector tecnolóxico, nun contexto no que a dispoñibilidade, calidade e rastrexabilidade dos materiais reciclados perfílanse como factores clave para avanzar na circularidade dos produtos electrónicos.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Guía Google