- Este proxecto, liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, ten por obxecto reforzar as capacidades do Servizo de Inspección Estatal de Medio Ambiente do país balcánico, contando para isto co apoio de Grecia
- A participación de Sogama canalízase a través do seu xefe de Calidade e Medio Ambiente, Pedro Alcázar Arévalo, profesional con acreditada experiencia en asesoramento internacional e que vén desempeñando un papel crave na transferencia de coñecementos
- O grupo foi recibido pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, e logo das oportunas explicacións sobre a operativa desta empresa pública, realizou unha visita virtual e outra guiada a pé polo Complexo, á que se sumou o presidente, Javier Domínguez
Cerceda, 19 de maio de 2026.- No marco dun proxecto europeo de irmandamento Twinning orientado a reforzar as capacidades do Servizo de Inspección Estatal do Medio Ambiente (SEI) de Macedonia do Norte, inspectores ambientais deste país e Grecia visitaron o Complexo industrial de Sogama en Cerceda para coñecer todos os detalles da súa operativa, tendo en conta que esta infraestrutura posiciónase entre as máis modernas e eficientes da súa tipoloxía en Europa.
Liderado pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, este proxecto conta co apoio do Ministerio de Medio Ambiente de Grecia, en calidade de Júnior Leader, e o da Fundación para a Internacionalización das Administracións Públicas (FIAP), dependente do Ministerio de Asuntos Exteriores de España, entidade que asume a xestión administrativa.
A participación de Sogama canalízase a través do seu xefe de Calidade e Medio Ambiente, Pedro Alcázar Arévalo, profesional con acreditada experiencia neste ámbito e que, neste proxecto en concreto, vén desempeñando un papel crave na transferencia de coñecementos e no deseño de ferramentas prácticas concibidas para fortalecer as inspeccións medioambientais no país balcánico. De feito, realizou varias misións a Macedonia do Norte co fin de prestar asesoramento técnico na mellora do seu sistema de inspección ambiental e avance cara a un modelo funcional, moderno e eficiente, en liña cos requisitos do proceso de integración da Unión Europea.
Logo de ser recibidos pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro, foi o xefe de Calidade e Medio Ambiente o encargado de explicar os pormenores do sistema Sogama, exposición que se completou cunha visita virtual e outra guiada a pé polas instalacións que conforman o complexo cercedense, á que se uniu posteriormente o presidente da Sociedade, Javier Domínguez.
Fases do proxecto
A primeira parte do proxecto, focalizada na harmonización do marco regulatorio e legal, logrou bos resultados, materializados na preparación de documentos estratéxicos clave tales como a Estratexia Nacional de Inspección Ambiental e a Estratexia de Información e Comunicación, cos que se garantirá unha maior transparencia nas actividades de inspección.
A segunda parte, centrada no fortalecemento da capacidade administrativa, avanza a bo ritmo, sendo un dos seus principais eixos a introdución dun enfoque de inspección intelixente que permitirá priorizar accións segundo o risco ambiental e optimizar os recursos. E a terceira parte, xa iniciada, prevé o desenvolvemento dunha Plataforma Nacional Ambiental destinada a establecer mecanismos para previr e combater o delito ambiental.
Grazas á axuda proporcionada por este proxecto, Macedonia do Norte pode seguir avanzando na consolidación dunha transformación institucional clave no seu camiño cara á aliñación coas normas europeas, reforzando a eficiencia, transparencia e impacto das inspeccións medioambientais.
Sobre os programas Twinning
O programa Twinning é unha ferramenta da Unión Europea destinada a apoiar reformas institucionais en países candidatos á adhesión. A través deste mecanismo, póñense ao dispor coñecementos especializados das administracións públicas dos Estados membro, impulsando a cooperación e a converxencia cara aos estándares europeos.
Estes proxectos fomentan a transferencia de boas prácticas e o desenvolvemento do tecido institucional nos países beneficiarios, fortalecendo a súa preparación para a integración na UE.
Saúdos, Departamento de Comunicación