- Segundo un informe publicado pola AEMA, a protección dos sectores agrícola, enerxético e do transporte axudaría a evitar miles de millóns de euros en perdas derivadas da aceleración dos fenómenos meteorolóxicos extremos relacionados co cambio climático e aumentaría a competitividade de Europa
Cerceda, 14 de xaneiro de 2026.- Segundo un informe publicado pola Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA), “Making agriculture, energy and transport climate resilient: how much money is required and what will it deliver?” (“Facer que a agricultura, a enerxía e o transporte sexan resilientes ao clima: canto diñeiro se necesita e que se obterá con el?”), os tres sectores (agrícola, enerxético e do transporte) son moi vulnerables ao cambio climático e a súa protección evitaría miles de millóns de euros en perdas derivadas da aceleración dos fenómenos meteorolóxicos extremos (inundacións, secas, ondas de calor e incendios forestais), que custan á UE entre 40.000 e 50.000 millóns de euros anuais, á vez que aumentaría a competitividade do continente.
Déficit de investimento
Os investimentos necesarios oscilan entre 53.000 e 137.000 millóns de euros anuais para 2050, e entre 59.000 e 173. 000 millóns para 2100, dependendo de se a temperatura aumenta entre 1,5 °C e 2 °C, ou 3 °C, en comparación coas temperaturas preindustriais. Estímase que o financiamento comprometido actual para estes sectores, que provén principalmente do sector público, a nivel da UE, nacional e rexional, é de tan só 15.000-16.000 millóns de euros anuais.
A UE experimentou perdas económicas anuais de entre 40.000 e 50.000 millóns de euros no período 2021-2024 debido a fenómenos meteorolóxicos extremos, que ascenderon a 822.000 millóns entre 1980-2024.
Os custos están a aumentar e as maiores perdas anuais concéntranse entre 2021 e 2024. Con todo, estas cifras só inclúen as perdas directas, polo que a suma dos custos totais sería maior.
Investir en adaptación climática ofrece beneficios que van máis aló de evitar perdas por fenómenos extremos. Segundo un estudo do Centro Común de Investigación da Comisión Europea, adaptarse aos crecentes riscos de inundacións costeiras na UE xeraría 6 euros por cada euro investido.
Outro estudo, a nivel global, do World Resources Institute, concluíu que cada dólar estadounidense investido en adaptación pode xerar máis de USD 10,50 en beneficios nun período de 10 anos e producir un retorno medio de 27% por proxecto.
Dobre e triplo dividendo
Ao abordar os beneficios da adaptación climática, dous conceptos son relevantes:
O do dobre dividendo, segundo o cal a redución dos riscos climáticos non só protexe ás persoas, as infraestruturas e as economías dos danos causados polos impactos climáticos (dividendo de adaptación), senón que tamén contribúe a reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro ou a impulsar a sostibilidade (dividendo de mitigación). Por exemplo, no caso das solucións baseadas na natureza, a restauración de humidais protexe contra as inundacións e almacena CO₂.
O do triplo dividendo, orientado non só a evitar perdas senón tamén a liberar potencial económico e xerar cobeneficios de desenvolvemento.
Fonte e imaxe: AEMA