- Pertencen aos 25 centros de infantil e primaria que este curso participan nesta iniciativa, cuxo obxectivo é potenciar a reciclaxe nas aulas e extrapolala ao eido familiar dos pequenos
- Con tal fin, a empresa pública proporcionou aos colexios os medios materiais e divulgativos necesarios para que estes poidan desenvolver os seus proxectos, que serán avaliados a finais de curso pola Consellería de Educación e Sogama
Cerceda, 9 de abril de 2026.- Un total de 1.644 escolares de infantil e primaria, así como un cento de docentes, foron formados, no marco do programa educativo “Recíclate con Sogama” 2025-2026, canalizado á súa vez a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, en xestión sostible de residuos e, máis concretamente, na recollida selectiva das distintas fraccións.
As actividades leváronse a cabo en cada un dos 25 centros das catro provincias que este curso académico participan nesta iniciativa, marcando así un punto de inflexión no desenvolvemento dos seus respectivos proxectos de reciclaxe ao dotar ao alumnado e profesorado de novos recursos.
As sesións nutríronse con xogos e debates que, en boa medida, contribuíron a reforzar os coñecementos dos pequenos na materia, logrando unha maior interacción e un escenario máis propicio para o intercambio de ideas e experiencias, a consulta de dúbidas e a forma de extrapolar o apreso aos seus fogares.
A pretensión é que os escolares actúen tamén como axentes educativos e dinamizadores na súa propia contorna social e familiar, propiciando que na mesma se aposte por un consumo responsable para reducir a produción de residuos; por unha maior reutilización, alongando a vida útil dos produtos; e por unha maior reciclaxe, separando correctamente os refugallos en orixe e introducíndoos, conforme as súas características, no contedor correspondente para propiciar o seu posterior reciclado.
A partir deste mesmo mes, comezarán os labores de seguimento dos traballos realizados en cada centro para analizar a súa evolución e prestar asesoramento.
Xa en maio, os monitores realizarán unha visita de seguimento a cada colexio para comprobar a calidade do material depositado nos distintos contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico) que conforman as illas de reciclaxe proporcionadas por Sogama a principios de curso.
Os datos obtidos serán contemplados na avaliación final dos centros, que tamén deberán presentar unha memoria de actividades a través da aplicación informática do Plan Proxecta.
Saúdos, Departamento de Comunicación