- O seu presidente, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, asinaron esta mañá, ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, un convenio de adhesión que rexerá para un período de 5 anos, suxeito a prórroga
- A Mancomunidade recorre a Sogama logo de constatar a inviabilidade técnica e económica do seu modelo, que naceu hai máis de dúas décadas como alternativa ao da Xunta de Galicia
- Sogama pasará así a xestionar o lixo xerado por 304 concellos (o 97% do total), sumando ao redor de 32.000 toneladas máis ás preto de 800.000 que trata cada ano
Santiago, 30 de decembro de 2025.- A Mancomunidade do Barbanza, que da servizo a 9 concellos, isto é, Lousame, Brión, Noia, Muros, Carnota, Porto do Son, Rois, Ames e Pontecesures, cunha superficie de actuación de 625 km2 e unha poboación superior aos 87.000 habitantes, incorpórase a Sogama para garantir a xestión sostible dos seus residuos.
Diversos factores tales como a ineficiencia das súas instalaciones, unha operativa obsoleta e unha alta porcentaxe de impropios no compost producido que imposibilita a comercialización do mesmo, desembocaron na inviabilidade, tanto técnica como económica, dun modelo, o do Barbanza, que naceu como alternativa ao impulsado pola Xunta de Galicia e que agora debe adscribirse ao mesmo logo de que o vertedoiro de Sobrado dos Monxes (A Coruña), a onde viña remitindo os seus rexeitamentos trala colmatación do vaso de vertido da planta de Lousame, esgotase a súa vida útil e teña que ser selado e clausurado.
Configuración dun novo escenario
Despois de diversas xuntanzas e conversas entre as partes, o presidente da Mancomunidade Serra do Barbanza, Pablo Lago Sanmartín, e o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, asinaron esta mesma mañá en Santiago, e ante a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, un convenio de adhesión que rexerá para un período de 5 anos, suxeito a prórroga, e mediante o cal o ente supramunicipal entregará os seus residuos nalgunha das plantas de transferencia máis próximas (Santiago, Boiro ou Cee) ou ben directamente no Complexo Ambiental de Cerceda, para o seu posterior tratamento. Serán ao redor de 32.000 toneladas de lixo, que se suman ás preto de 800.000 que Sogama xestiona cada ano nesta infraestrutura.
Dos 295 concellos adheridos a Sogama, a empresa pública pasará a atender un total de 304 (o 97% do total), cunha poboación incorporada de máis de 2,3 millóns de habitantes.
Adaptación do Barbanza á normativa europea
Cómpre salientar que o Barbanza deberá adaptar o seu sistema de recollida, aínda segregado en fracción húmida e seca, ás directrices europeas e implantar o mesmo que rexe nos municipios adheridos a Sogama, que contan cun contedor amarelo para envases de plástico, latas e briks, outro para a fracción resto (parte non reciclable) e o específico para a materia orgánica, de cor marrón.
Así mesmo, Sogama comprométese a colaborar nas compañas de información, formación e concienciación que o Barbanza deberá levar a cabo para instruír á veciñanza na correcta separación de residuos en orixe e o seu posterior depósito no contedor correspondente a fin de garantir o seu reciclado.
Coa parte non reciclable, a empresa pública elabora un combustible CDR co que produce enerxía eléctrica renovable, evitando que esta fracción acabe enterrada en vertedoiro, a última opción contemplada na xerarquía europea e a máis nociva para o medio ambiente, a saúde pública e a economía.
A Mancomunidade do Barbanza comezará a entregar os seus residuos a Sogama a partir deste xoves, 1 de xaneiro.
Saúdos, Departamento de Comunicación