- Técnicos de Sogama impartiron un curso de formación presencial, que tivo lugar na propia Casa do Concello, co fin de explicar aos participantes a operativa a seguir e beneficios asociados á autoxestión da materia orgánica
- A empresa pública xa proporcionou ao Concello, de forma gratuíta, 125 composteiros, que foron distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo
Cerceda, 27 de marzo de 2026.- Técnicos de Sogama impartiron un curso de formación presencial sobre compostaxe doméstica no Concello de Paderne (A Coruña), concretamente no salón de actos da Casa do Concello, onde puideron constatar o gran interese da veciñanza en coñecer os pormenores dunha iniciativa que lles permite recuperar en orixe a materia orgánica e acondicionala para utilizala posteriormente como abono natural.
O alcalde da localidade, Sergio Platas, quixo estar presente nesta cita para animar aos asistentes a participar con responsabilidade nun programa con grandes vantaxes ambientais e sociais. Trátase de recuperar unha práctica tradicional no medio rural, pero dunha forma máis innovadora e moderna. Para isto, Sogama subministrou xa a este municipio, e de forma gratuíta, 125 composteiros que foron distribuídos entre outras tantas vivendas unifamiliares con terreo no que aplicar o compost resultando, pechando así o ciclo de valorización dos restos orgánicos.
Durante o curso explicouse como montar o composteiro, onde situalo (no exterior da vivenda e en contacto directo coa terra para facilitar que os organismos descompoñedores fagan o seu traballo), que depositar no mesmo e como facer o seguimento do proceso, especialmente de parámetros tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, para obter un compost de calidade que cumpra cos requisitos establecidos pola normativa vixente.
O encontro foi aproveitado tamén para falar da importancia de minorar a produción de residuos, de fomentar o máximo aproveitamento dos produtos a través da reutilización e de separar os refugallos por tipos de material e introducilos nos contedores correspondentes para garantir o seu posterior reciclado.
Pola súa banda, o alumnado das dúas escolas unitarias da localidade tamén participou nunha charla de educación ambiental impartida igualmente por Sogama na Casa do Concello e na que se lles explicou os pormenores da xestión sostible dos residuos, proporcionándolles as claves para facela efectiva nas aulas e nos seus fogares.
Saúdos, Departamento de Comunicación