- Incide en que a ampliación desta planta contribuirá a dar resposta ao aumento do 35% na recepción de residuos tras a adhesión ao sistema Sogama dos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza
- Pon en valor a colaboración que a Xunta e a empresa pública prestan ás entidades locais no exercicio dunha competencia que é municipal
- Para lograr unha xestión de residuos sostible, salienta que non abonda con xestionar os refugallos producidos, senón que hai que actuar en orixe, polo que chamou á cidadanía a reducir a xeración do lixo e proceder a reutilizar ou reciclar
Santiago de Compostela, 25 de novembro de 2026.- O conselleiro de Medio Ambiente e Cambio Climático, Nicolás Vázquez Iglesias, destaca que a planta de transferencia de Sogama en Santiago permite a xestión eficiente dos residuos das comarcas de Compostela e Barbanza.
Coincidindo coa Semana Europea de Prevención de Residuos, que este ano se celebra baixo o lema Cuestionemos as nosas decisións. Valoremos os nos recursos, Nicolás Vázquez visitou hoxe estas instalacións, que a Xunta prevé ampliar e modernizar o ano que vén.
Neste sentido, lembrou que a intervención prevista pola Xunta contribuirá a dar unha resposta eficaz ante o incremento do 35% na recepción de residuos tras a adhesión dos concellos da Mancomunidade Serra do Barbanza ao modelo Sogama. A modernización da planta incluirá tamén unha nova tolva para biorresiduos e traducirase en melloras directas para os servizos municipais de recollida do lixo das citadas bisbarras.
Ademais, o conselleiro fixo fincapé en que as melloras proxectadas na planta favorecerán a redución do tempo de espera ao ampliar a capacidade de recepción e descarga simultánea para os camións municipais. Ademais precisou que haberá menor risco de saturación, ao habilitar unha dobre liña de compactado e maior marxe para almacenar contedores cheos.
Así mesmo, tamén subliñou que ao dispoñer dun punto próximo para o transvasamento de biorresiduos, redúcense os custos económicos e ambientais derivados de desprazamentos longos.
Por último, o conselleiro puxo en valor a colaboración que a Xunta e Sogama prestan aos concellos no exercicio dunha competencia que é municipal. Ademais, salientou que para lograr unha xestión de residuos eficaz e sostible, non abonda con xestionar ben os refugallos producidos, senón que hai que actuar en orixe. Así, chamou á cidadanía a reducir no día a día a xeración do lixo, que unha vez orixinado, cómpre reciclar.
Fonte e imaxes: Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático