- Non obstante, o organismo europeo advirte que o impacto destas tecnoloxías dependerá en gran medida do marco regulatorio e das decisións políticas que acompañen o seu despregamento
Cerceda, 12 de maio de 2026.- A Axencia Europea de Medio Ambiente (AEMA) considera que o desenvolvemento da intelixencia artificial e a dixitalización será determinante para o futuro da transición ecolóxica europea.
Segundo dous novos informes publicados polo organismo, estas tecnoloxías poden contribuír a reducir impactos ambientais e mellorar a eficiencia dos sistemas produtivos, aínda que tamén implican riscos relevantes relacionados co aumento do consumo enerxético, hídrico e de materias primas.
As análises, tituladas Navigating Europe’s twin transition — opportunities and challenges of digitalisation in the green transition e Artificial intelligence and sustainable consumption in Europe, examinan como a expansión da IA e as tecnoloxías dixitais están a transformar a economía europea e condicionando os obxectivos climáticos e de sostibilidade da UE.
A AEMA sostén que a dixitalización pode achegar beneficios medibles cando se aliña con obxectivos ambientais concretos. Entre eles, destaca a mellora da recompilación e análise de datos ambientais, a optimización de procesos industriais, o desenvolvemento de sistemas enerxéticos e de transporte máis intelixentes, así como ferramentas capaces de orientar decisións de consumo e contratación cara a opcións con menor pegada de carbono e maior eficiencia no uso de recursos.
Un dos informes subliña que a intelixencia artificial pode desempeñar un papel relevante nos mercados de consumo mediante a mellora da información dispoñible sobre produtos e servizos, coa particularidade de que estas ferramentas tamén poden favorecer procesos de contratación pública e privada máis sostibles e optimizar cadeas de subministración e loxística para reducir o uso de recursos.
Os riscos
Non obstante, o organismo europeo advirte de que o impacto destas tecnoloxías dependerá en gran medida do marco regulatorio e das decisións políticas que acompañen o seu despregamento. Sen unha dirección clara, a expansión da IA e a dixitalización poderían incrementar a demanda de enerxía e materiais, reforzar modelos económicos intensivos en recursos e agravar desigualdades sociais e dependencias estratéxicas.
Os informes alertan tamén do rápido crecemento dos centros de datos, cuxa expansión está a elevar a demanda de enerxía, auga e materias primas críticas en Europa. A AEMA sinala que o conxunto formado por centros de datos, redes e dispositivos dixitais xera unha pegada ambiental crecente que dificilmente poderá compensarse unicamente mediante avances en eficiencia tecnolóxica.
O organismo sitúa estas conclusións nun contexto marcado pola competencia xeopolítica, a incerteza económica e as dependencias tecnolóxicas internacionais. Neste escenario, a intelixencia artificial e a dixitalización son consideradas elementos clave para a competitividade e a autonomía estratéxica europea.
A AEMA insiste en que será necesario reforzar a aliñación entre as políticas dixitais, as medidas relacionadas co consumo e os obxectivos ambientais para garantir que a transformación dixital contribúa realmente á neutralidade climática, a eficiencia de recursos e a resiliencia a longo prazo.
Fonte: AEMA