- O apego aos dispositivos, a falta de incentivos ou o descoñecemento das canles de recollida, constitúen factores que aínda frean unha circularidade plena
- Pola súa banda, o 60% dos consumidores afirma estar disposto a pagar máis por aparellos eléctricos e electrónicos (AEE) máis sostibles e de fácil reparación e reciclaxe
- Así se recolle no VI Informe Anual Recyclia sobre tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España
Cerceda, 19 de decembro de 2025.- De acordo co VI Informe Anual Recyclia sobre tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España, o 60% dos consumidores españois afirma estar disposto a pagar máis por aparellos eléctricos e electrónicos (AEE) que sexan máis sostibles e de fácil reparación e reciclaxe, en liña coa tendencia rexistrada no conxunto da Unión Europea (59%).
Así mesmo, o documento sinala que o sector obtivo en 2024 un impacto económico superior aos 1.400 millóns de euros de valor engadido bruto (VAB)[1], cun efecto multiplicador total de 2,7 euros no conxunto da economía española por cada euro xerado. A actividade mantivo 24.300 empregos a tempo completo -dos que 8.600 son directos- e realizou unha achega fiscal ao Estado de máis de 230 millóns de euros.
En termos absolutos, os grandes aparellos continúan liderando a xeración de RAEE no noso país, achegando unha de cada tres toneladas en 2023, mentres que os pequenos aparellos son responsables do 29%.
En paralelo, o mercado de aparellos mantivo en 2024 un forte dinamismo, con 1.316,5 millóns comercializados, un 20,6% máis que no ano anterior.
O papel sociolóxico do consumidor ante o residuo electrónico
O estudo identifica dous factores sociolóxicos crave e, en certo modo, contrapostos: por unha banda, a crecente predisposición cara a un consumo máis responsable e sostible; por outra, a persistencia de patróns arraigados -como o apego aos dispositivos, a falta de incentivos ou o descoñecemento das canles de recollida- que aínda frean unha circularidade plena. De feito, o 59% dos fogares españois conserva computadores portátiles ou tabletas que xa non utiliza.
Igualmente, o informe sinala que, malia os avances normativos e de concienciación, as taxas de recollida seguen por baixo dos obxectivos obrigatorios. Así, aínda que España conta cunha ampla rede de puntos de recollida, unha proporción significativa dos pequenos aparellos non entra no fluxo de residuos por mor dese denominado “efecto tesouro”. Non obstante, o estudo de Recyclia destaca que, nos dous últimos anos, aumentou en dous puntos a porcentaxe de fogares que se desfán correctamente dos seus equipos informáticos en desuso: o 17% no caso dos computadores portátiles e o 31% no dos de sobremesa.
O estudo estima que en 2030 poderían xerarse máis de 848.000 toneladas de RAEE a partir dos aparellos comercializados antes de 2024 no noso país.
Fonte: IndustriAmbiente