- Os menores ingresos para a Sociedade derivados deste concepto foron compensados coa achega, por parte da Xunta de Galicia, de 10 M€
- O principal revés económico para a Sociedade veu da man do Estado, que decidiu eliminar a retribución ao investimento da planta termoeléctrica moito antes do prazo comprometido (ano 2026), deixando de ingresar Sogama ao redor de 18 M€ anuais
- Fronte á vía impositiva adoptada polo Goberno central, a Xunta decidiu posicionarse ao lado dos concellos para evitar que estas medidas sancionadoras asfixiasen máis ás arcas locais e repercutisen na cidadanía
- Con todo, o canon de Sogama continúa a ser o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía
Cerceda, 31 de agosto de 2026.- Sogama fixo públicas as contas correspondentes ao exercicio de 2025, nas que se destacan, entre outras cuestións, o aforro, superior aos 7,6 millóns de euros, que o canon reducido aplicado pola Sociedade (95 €/Tn fronte aos 108 €/Tn do canon xenérico) supuxo para as arcas dos 210 concellos que se acolleron ao mesmo.
Para lograr esta diminución de custos, os entes locais debían dar cumprimento a un destes dous requisitos: reducir, nun 1%, a produción de residuos respecto do ano inmediatamente anterior ou incrementar, nun 3%, a achega á reciclaxe da bolsa amarela-envases de plástico, latas e briks- ou á compostaxe da marrón -materia orgánica recollida a través do contedor desta mesma cor-.
Con isto, Sogama e a Xunta de Galicia querían premiar e incentivar a aqueles concellos que traballan e se esforzan en avanzar cara a unha xestión máis sostible dos residuos na que prime a prevención, a preparación para a reutilización e a reciclaxe, conforme ás directrices europeas.
Os menores ingresos derivados do canon foron compensados pola Xunta de Galicia, socio maioritario, cunha achega realizada a Sogama de 10 millóns de euros. Non obstante, o principal revés económico para a Sociedade veu da man do Estado, que decidiu eliminar de forma unilateral a retribución ao investimento da planta termoeléctrica moito antes do prazo comprometido, fixado para 2026, deixando de ingresar Sogama por este concepto ao redor de 18 millóns de euros cada ano. A isto debe engadirse o mantemento, por parte do Goberno central, dos impostos á vertedura e á incineración, que veñen a supoñer un custo adicional para esta empresa pública de máis de 9 millóns de euros anuais.
Nun contexto de incremento de custos na xestión dos residuos, a Xunta foi a única administración que demostrou estar ao carón dos concellos na xestión dos residuos, actuando para evitar que as políticas impositivas aplicadas polo Goberno central asfixiasen máis ás arcas locais e repercutisen na cidadanía.
Malia todo isto, o canon de Sogama continúa a ser o máis barato de España para plantas da súa tipoloxía.
Así mesmo, as contas poñen en valor o incremento da cifra de negocio por parte da compañía, que subiu nun 5,6% ata chegar aos 139,6 millóns de euros (fronte aos 132,1 millóns do ano 2024), así coma o período medio de pago a provedores, establecido en 5 días, moi por baixo do máximo permitido pola lei.
Maior eficiencia no servizo
Pola súa banda, a débeda financeira pechouse cunha dispoñibilidade de póliza de crédito de 6,5 millóns de euros, importe que permitiu á Sociedade realizar investimentos en 2025 por máis de 8 millóns de euros, destinados fundamentalmente ao proceso de transformación dixital, contemplado no seu plan estratéxico 2025-2030, e co que gañará en eficiencia e transparencia, facendo un seguimento da rastrexabilidade do residuo desde que entra nas súas instalacións ata que sae das mesmas convertido en recurso. Neste escenario, tamén porá ao dispor dos concellos o denominado portal do cliente, a través do cal estes terán a oportunidade de acceder á información e datos do seu interese en tempo real.
118 M€ de investimento desde 2015
Desde o ano 2015, os investimentos executados por Sogama ascenden a máis de 118 millóns de euros, orientándose á construción e posta en marcha de novas infraestruturas, a modernización doutras, a incorporación das últimas tecnoloxías dispoñibles, a aplicación de medidas de innovación, etc, e todo iso co obxectivo último de dar debido cumprimento á lexislación vixente en cada momento, protexer o medio ambiente e a saúde das persoas e, en definitiva, prestar un mellor servizo aos 304 concellos que hoxe están adscritos ao seu modelo e que aglutinan unha poboación superior a 2,3 millóns de habitantes.
Saúdos, Departamento de Comunicación