- Alumnado de ESO e Bacharelato visitou esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda para reforzar os seus coñecementos en xestión de refugallos e tomar nota dos procesos industriais instaurados por esta empresa pública para transformar os residuos en recursos
Cerceda, 21 de xaneiro de 2026.- Preto de 150 escolares do Colexio Lar, asentado no municipio de Mos (Pontevedra), visitaron esta semana o Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) para complementar e reforzar os seus coñecementos ao redor da xestión sostible dos residuos urbanos e, por suposto, para ter a oportunidade de ver e comprobar por si mesmos a actividade industrial de Sogama.
As visitas, distribuídas en tres xornadas, foron efectuadas polo alumnado de 3º e 4º de ESO, así como de 1º e 2º de Bacharelato, interesados en obter as claves para producir menos residuos, para alongar a vida útil dos produtos a través da súa reutilización e para colaborar activamente na recollida selectiva mediante o depósito de cada material no contedor correspondente, propiciando así o seu posterior reciclado.
As explicacións proporcionadas por educadores especializados, tiveron continuidade cunha visita virtual a través da cal os escolares, equipados con lentes inmersivas 360º, tiveron a oportunidade de adentrarse en cada unha das instalacións que conforman o complexo cercedense e coñecer polo miúdo o camiño que percorre o residuo desde que entra nesta infraestrutura ata que sae da mesma convertido en recurso.
No caso dos envases recollidos a través do contedor amarelo, sepáranse por tipoloxías e prénsanse para enviar aos centros recicladores. Respecto da fracción resto, tamén se recuperan os refugallos con posibilidades de ser reciclados para ser remitidos á industria transformadora, preparando, coa parte non reciclable, un combustible CDR que alimenta unha planta termoeléctrica para producir electricidade renovable.
As sesións concluíron con xogos e un coloquio reservado para a consulta de dúbidas e preguntas, e tamén para que os escolares deixaran constancia das súas observacións, comentarios e mesmo propostas de mellora.
Educación en valores
Máis aló de proxectos relacionados coa xestión de residuos e a reciclaxe en xeral, o colexio Lar puxo en marcha outras interesantes iniciativas. É o caso do selo Ecofood para o seu servizo de comedor, reforzando o compromiso do centro cunha educación máis saudable, consciente e respectuosa coa contorna. De feito, un dos eixos desta aposta é a colaboración con provedores locais, asegurando desta forma unha alimentación fresca, que reduce a pegada de carbono e apoia a economía local.
Outro dos obxectivos do centro é avanzar cara ao “plástico cero” mediante envases reutilizables ou reciclables e prácticas que fomentan a redución de residuos no día a día.
Hortos verticais, remedios sostibles para pequenos incidentes diarios, talleres de identificación de aves, preparación de casas para paxaros e múltiples actividades de loita contra o cambio climático son, entre outras, algunhas das accións despregadas polo centro para formar a cidadáns/as responsables, solidarios e consecuentes.
Saúdos, Departamento de Comunicación