- Monitores de Sogama impartiron no propio centro tres sesións formativas nas que participaron máis dun cento de estudantes e docentes de 6º de Primaria, 3º de ESO e 1º de Bacharelato
- O seu alto nivel de coñecemento na materia é froito do esforzo do profesorado, moi preocupado por inculcarlles valores de sostibilidade, e as visitas que realizan todos os anos ao Complexo Medioambiental de Cerceda, que preparan previamente nas aulas para sacarlles o máximo rendemento
- O alumnado é consciente de que só desde a responsabilidade compartida e a colaboración poderá avanzarse cara a un futuro máis circular
Cerceda, 24 de novembro de 2026.- Máis dun cento de estudantes e profesores do SEK Atlántico (Poio-Pontevedra) participaron recentemente en tres sesións formativas impartidas no propio colexio por técnicos de Sogama e que puxeron o foco no tratamento da materia orgánica recollida de forma diferenciada a través do contedor marrón.
Ao longo das xornadas, dirixidas ao alumnado de 6º de Primaria, 3º de ESO e 1º de Bacharelato, os monitores tiveron ocasión de constatar o alto grao de coñecemento que os grupos tiñan sobre a xestión sostible de residuos en xeral, e sobre a reciclaxe e compostaxe en particular. Non en van, periodicamente son instruídos polo profesorado en distintos ámbitos medioambientais, prestando especial atención á recollida selectiva, coa particularidade de que, con carácter previo ás visitas que realizan todos os anos ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña), invisten tempo en preparalas nas aulas co fin de sacarlles o máximo rendemento. Conseguen así que a experiencia lles resulte máis produtiva e lles axude a consolidar comportamentos e hábitos máis respectuosos coa contorna.
A través das súas intervencións e observacións, os escolares do SEK evidenciaron que a prevención e a redución da xeración de residuos, xunto coa compostaxe e a reciclaxe, están moi presentes no seu día a día, convencidos de que só desde a responsabilidade compartida e a colaboración poderá avanzarse cara a un futuro máis circular.
O coñecemento dos pormenores do contedor marrón, o de máis recente incorporación aos concellos, xa está asentado neste colexio de Poio, polo que as sesións foron aproveitadas polos estudantes para consultar dúbidas e afianzar distintas consideracións, á vez que deixaron constancia do seu gran interese pola operativa da planta de biorresiduos de Vilanova de Arousa, onde se tratan os restos orgánicos depositados pola cidadanía recipiente para ser convertidos en compost, un abono natural de alta calidade con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería.
Educación transversal en sostibilidade
A formación en sostibilidade está moi presente neste centro, plenamente comprometido co medio ambiente e consciente de que, só a través da correcta xestión dos residuos, estes poderán convertidos en novos recursos, propiciando un notable aforro de enerxía e materias primas virxes, e polo tanto, unha oportunidade para a loita contra o cambio climático.
Saúdos, Departamento de Comunicación