- Segundo o Barómetro de Sostibilidade 2026 de AECOC Shopperviewu, 7 de cada 10 consumidores recoñecen que o tipo de envase inflúe na súa decisión de compra e o 40% asegura ter deixado de adquirir algún produto por considerar que o seu envase non era sostible
Cerceda, 2 de setembro de 2026.- A sostibilidade dos envases gaña peso nas decisións de compra dos consumidores españois. Así o reflicte o Barómetro de Sostibilidade 2026 de AECOC Shopperview, que mostra como a preocupación ambiental continúa a ser elevada, aínda que cada vez máis vinculada ao aforro económico e á eficiencia no consumo.
O estudo, patrocinado por Checkpoint Systems, Lidl, Natulim e Smurfit Westrock, sinala que, aínda que o 74% dos españois considera importantes os aspectos relacionados coa sostibilidade, unicamente o 37% sostén que lle resulta doado manter un estilo de vida sostible.
As prácticas sostibles máis estendidas combinan actualmente o beneficio ambiental coaforro económico. O 97% procura reducir o desperdicio alimentario e comprar só o necesario, unha decisión motivada principalmente polo aforro (54%), aínda que tamén polo coidado do planeta (43%). Ademais, o 94% reduce o consumo de auga e enerxía, o 93% separa e recicla os residuos, o 92% aposta por electrodomésticos máis eficientes e o 90% utiliza envases fabricados con materiais reciclados ou reciclables.
O barómetro confirma que o envase adquiriu un papel relevante na elección de produtos. Sete de cada dez consumidores recoñecen que o tipo de envase inflúe na súa decisión de compra e o 40% asegura ter deixado de adquirir algún produto por considerar que o seu envase non era sostible. Esta percepción tamén se reflicte nos hábitos de consumo, xa que o 87% dos enquisados afirma comprar produtos con menos envases.
Os consumidores demandan envases máis reciclables e información clara
O estudo pon de manifesto que os consumidores agardan que as empresas impulsen medidas para mellorar a sostibilidade dos envases. Entre as principais demandas destacan ofrecer información clara sobre como reciclar os produtos (80%), reducir os envases sempre que sexa posible (78%) e utilizar envases dun só material facilmente reciclables (77%). Ademais, outro 77% considera importante dispoñer de máis información accesible directamente no envase.
Así mesmo, o 75% dos consumidores estaría disposto a cambiar de formato se iso contribúe a reducir significativamente a xeración de residuos.
Non obstante, o estudo tamén reflicte que os consumidores recoñecen a función que desempeñan os envases. Aínda que o 80% considera que existen embalaxes innecesarias, o 67% cre que os produtos deben estar correctamente protexidos para garantir a seguridade alimentaria e o 58% valora que cheguen en perfecto estado grazas a unha embalaxe axeitada.
Para rematar, o barómetro sinala que a sostibilidade continúa a ser un elemento competitivo para as marcas, se ben o prezo condiciona cada vez máis as decisións de compra. O 42% dos consumidores afirma ter deixado de comprar produtos de marcas que considera pouco sostibles e un 26% asegura preferir marcas sostibles sempre que manteñan un prezo equivalente. En paralelo, só o 25% considera que as empresas están a realizar esforzos suficientes para mellorar a sostibilidade dos seus envases.
Fonte: Financial Food