- Isto supón un 19% máis que o ano anterior, cun forte crecemento dos recursos destinados a adaptación e mitigación nos países de renda baixa e media
Cerceda, 15 de xullo de 2026.- Os bancos multilaterais de desenvolvemento (MDB) elevaron o seu financiamento climático ata un máximo histórico de 163.000 millóns de dólares en 2025, un 19% máis que o ano anterior, consolidando o seu papel como un dos principais impulsores da transición cara a economías máis resilientes e baixas en carbono.
Así se recolle no informe 2025 Joint Summary Report on Multilateral Development Bands Cimate Finance, que confirma ademais que estas entidades manteñen o ritmo necesario para cumprir os compromisos de financiamento climático fixados para 2030 durante a COP29 celebrada en Bakú.
O maior crecemento rexistrouse nos países de renda baixa e media, onde o financiamento climático aumentou un 21%respecto de 2024, ata alcanzar un récord de 103.000 millóns de dólares. Deste volume, 68.000 millóns destináronse a proxectos de mitigación e 35.000 millóns a proxectos de adaptación, un 31% máis que o ano anterior. Ademais, a mobilización de investimento privado ascendeu a 35.000 millóns de dólares.
O informe destaca que o financiamento destinado a adaptación continúa crecendo a maior ritmo que o dirixido a mitigación nas economías en desenvolvemento.
Nos países de renda alta, os bancos multilaterais mobilizaron 60.000 millóns de dólares en financiamento climático durante 2025, dos cales 53.000 millóns dirixíronse a proxectos de mitigación e 7.000 millóns a actuacións de adaptación. A mobilización de financiamento privado alcanzou os 80.000 millóns de dólares.
O Banco Europeo de Investimentos (BEI) achegou por si só 52.000 millóns de dólares en financiamento climático en economías de renda alta e outros 4.600 millóns a través de EIB Global en países de renda baixa e media. Ademais, mobilizou 58.000 millóns de dólares de investimento privado vinculado a proxectos climáticos durante 2025.
Así mesmo, os bancos multilaterais continúan impulsando novas ferramentas para mellorar a transparencia do financiamento climático, entre elas o MDB Climate Finance Dashboard, unha plataforma dixital lanzada en 2026 que permite consultar de forma interactiva os datos e metodoloxías empregadas.
Fonte: Retema