- Os cinco líderes, que traballan en temas que van desde a xustiza climática ata o arrefriado sostible e a protección dos bosques, demostran que as medidas audaces poden impulsar un cambio real para as persoas e o planeta
- Este galardón, que xa cumpre o seu vixésimo ano, configúrase como a máxima honra ambiental da ONU, e co mesmo réndese homenaxe a persoas, grupos e organizacións cuxas accións teñen un impacto transformador
Cerceda, 23 de decembro de 2025.- Recentemente, o Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) nomeou a cinco persoas e iniciativas pioneiras climáticas como Campións da Terra 2025. Este galardón, que xa cumpre o seu vixésimo ano, configúrase como a máxima honra ambiental da ONU, e co mesmo réndese homenaxe a persoas, grupos e organizacións cuxas accións teñen un impacto transformador no medio ambiente.
Os cinco líderes, que traballan en temas que van desde a xustiza climática e as emisións de metano ata o arrefriado sostible, os edificios sostibles e a protección dos bosques, demostran que as medidas audaces poden impulsar un cambio real para as persoas e o planeta.
Desde 2005, o premio recoñeceu a 127 líderes cuxa visión e valentía inspiran a acción global.
En 2025, os Campións da Terra 2025 do PNUMA son os seguintes:
• Pacific Islands Students Fighting Climate Change (Estudantes das Illas do Pacífico que Loitan contra o Cambio Climático) – Liderado político-. Trátase dunha ONG dirixida por mozos que promoveu unha opinión histórica da Corte Internacional de Xustiza, a cal confirma as obrigacións xurídicas dos Estados de previr o dano climático e protexer os dereitos humanos. A súa campaña está reconfigurando a lexislación climática mundial e empoderando ás nacións vulnerables.
• Supriya Sahu, Secretaria Principal Adxunta do Goberno de Tamil Nadu -Inspiración e acción-. Pioneira en arrefriado sostible e restauración de ecosistemas, as súas iniciativas crearon 2,5 millóns de postos de traballo ecolóxicos, ampliaron a cobertura forestal e integraron a adaptación á calor nas infraestruturas, o que beneficiou a 12 millóns de persoas, sentando as bases para un modelo de resiliencia climática.
• Mariam Issoufou, Directora e Fundadora de Mariam Issoufou Architects, Niamey/Zúrich – Visión emprendedora-. Deseñadora do complexo comunitario Hikma, en Níxer, que utiliza arrefriado pasivo para manterse 10 °C máis fresco sen aire acondicionado. O seu enfoque, baseado en materiais locais e patrimonio cultural, está a transformar o deseño de edificios en toda a rexión africana do Sahel. Unha arquitecta que está a redefinir a vivenda sostible e resiliente ao clima e inspirando unha nova xeración de deseños resilientes.
• Imazon, Brasil – Ciencia e innovación-. Trátase dun instituto de investigación que combina a ciencia e as ferramentas xeoespaciais impulsadas pola intelixencia artificial para frear a deforestación. O seu traballo fortaleceu a gobernanza forestal, serviu de apoio a miles de casos xudiciais e revelou a magnitude da deforestación ilegal.
• Manfredi Caltagirone (a título póstumo) – Traxectoria de vida-. Anterior Director do Observatorio Internacional de Emisións de Metano do PNUMA, defendeu a transparencia e as medidas baseadas na ciencia en relación co metano, o que influíu na primeira normativa da UE sobre emisións de metano e deu forma á política enerxética mundial.
O labor dos galardoados deste ano céntrase na crise do cambio climático: a temperatura mundial está en vías de superar o aumento de 1,5ºC durante a próxima década e os compromisos actuais quedan curtos respecto dos obxectivos do Acordo de París. Os custos de adaptación para os países en desenvolvemento poderían alcanzar entre 310 mil millóns e 365 mil millóns de dólares estadounidenses para 2035, doce veces os niveis de financiamento actuais. Con todo, os Campións da Terra demostran que é posible actuar —e que facelo ten un gran impacto.
Fonte: PNUMA