- Representantes institucionais e empresas líderes analizarán o papel da biocircularidade en España, abordando as súas distintas solucións, xunto cos retos regulatorios, políticos, estratéxicos e industriais que condicionan o seu despregamento
Cerceda, 21 de xaneiro de 2026.- O próximo 28 de xaneiro, celebrarase en Madrid o II BioCircular Summit, identificado como o principal foro estatal de diálogo público-privado sobre biocircularidade e o conxunto dos seus subsectores: bioenerxía, biocombustibles e combustibles sintéticos, gases renovables, bioprodutos e biorrefinerías.
Organizado pola Asociación Española de Biocircularidad (Biocirc) e a Plataforma Española Tecnolóxica e de Innovación en Biocircularidad (Bioplat), consolidouse coma o congreso de referencia do noso país que aborda de maneira conxunta e transversal os principais modelos de negocio biocirculares, xunto cos retos regulatorios, políticos, estratéxicos e industriais que condicionan o seu despregamento.
O BioCircular Summit é o único en España que reúne, nunha mesma axenda, aos responsables institucionais que deseñan as políticas públicas, ás Administracións que as implementan e ás empresas que xa están a desenvolver proxectos biocirculares no territorio, ofrecendo unha perspectiva completa e operativa do sector.
A edición deste ano conta cun programa de alto nivel centrado nos retos e oportunidades da biocircularidade en España e Europa, incorporando a representantes da Comisión Europea, do Clean Energy Ministerial e das principais Administracións Públicas nacionais e autonómicas con competencias no sector.
Ao longo da xornada analizarase a nova Estratexia Europea de Bioeconomía, o papel da biocircularidade como eixo de desfosilización e competitividade industrial, e a posición de España ante a transición biocircular en ámbitos fundamentais como a enerxía, a industria, a innovación e o territorio.
O programa profundará nos modelos de negocio que están a liderar o despregamento da biocircularidade, coma o biogás e o biometano, os biocombustibles avanzados e os combustibles sintéticos, o desenvolvemento do SAF para aviación e transporte marítimo, así como a valorización do CO₂ bioxénico e os bioprodutos. Así mesmo, exporá o marco normativo necesario para o progreso real do sector e reflexións sobre os desafíos sociais e territoriais da biocircularidade.
Espazo de encontro
O II BioCircular Summit reunirá a responsables políticos, altos cargos da Administración e profesionais de empresas líderes, centros tecnolóxicos, universidades e entidades sectoriais, consolidándose coma o principal espazo de networking cualificado do sector biocircular en España.
O evento contará cunha ampla zona de networking e, ao seu peche, .entregaranse os Premios Estatais Biocircularidade, que recoñecen e visibilizan coñecemento, experiencia e solucións biocirculares integradoras, innovadoras e sostibles nun total de 8 categorías.
Fonte: Residuos Profesional
Imaxe: Biocircular Summit