- Segundo a ONU, uns 140 millóns de fragmentos de lixo espacial de máis dun milímetro orbitan actualmente a Terra e viaxan a máis de 28.000 km/h, multiplicando a forza destrutiva de calquera peza
- Nacións Unidas pide reducir os residuos innecesarios, previr explosións en órbita e retirar de forma segura os satélites e foguetes que deixaron de funcionar
Cerceda, 21 de xullo de 2026.- Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Lúa, celebrado onte, 20 de xullo, a ONU advertiu que uns 140 millóns de fragmentos de lixo espacial de máis dun milímetro orbitan actualmente a Terra. Se ben moitos deles son demasiado pequenos para ser rastrexados, o certo é que poden danar satélites e naves espaciais. Viaxan a máis de 28.000 km/h, velocidade que multiplica a forza destrutiva de calquera peza, polo que esta organización alerta que, sen solucións rápidas, poderíase desencadear a Síndrome de Kessler (colisións en cadea que destruirían satélites esenciais de telecomunicacións, GPS e clima).
Os satélites fóra de servizo e as partes de foguetes liberan aluminio, litio, cobre e outros metais ao desintegrarse na atmosfera, e os científicos estudan se estes materiais poden alterar a formación de nubes, a química atmosférica e a capa de ozono.
Así mesmo, Nacións Unidas indica que centos de toneladas de naves e foguetes volven a entrar na atmosfera cada ano, unha cifra que podería aumentar coa expansión das constelacións de satélites. Ao respecto, Jason Jabbour, do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente, manifestou que “a rápida expansión da actividade espacial demostrou que cada lanzamento deixa unha pegada ambiental”.
É por isto que a ONU pide reducir os residuos innecesarios, previr explosións en órbita e retirar de forma segura os satélites e foguetes que deixaron de funcionar.
Fonte: ONU