- A redución das emisións deste gas considérase unha das vías máis rápidas para limitar o aumento da temperatura global
- O sistema de alertas de emisións incorpora por primeira vez a monitorización dos vertedoiros e reforza as ferramentas para a súa mitigación
Cerceda, 19 de maio de 2026.- O Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) anunciou a ampliación do seu sistema global de detección de metano para incluír, por primeira vez, as emisións procedentes de vertedoiros e minas de carbón co fin de mellorar o control deste gas de efecto invernadoiro en sectores crave como a xestión de residuos e reforzar as ferramentas para a súa mitigación.
A medida, presentada recentemente nun evento de alto nivel organizado por Francia no marco da súa presidencia do G7, baséase en análises previas do Observatorio Internacional de Emisións de Metano (IMEO), que identifican entre as principais fontes globais de metano actividades vinculadas ao carbón e á vertedura de residuos. O sistema, coñecido como Methane Alert and Response System (MARS), utiliza datos satelitais para localizar fugas de metano a gran escala.
Ademais do reforzo na detección, o PNUMA e a Axencia Internacional da Enerxía presentaron unha guía operativa para facilitar a resposta ás alertas. Este documento establece un procedemento para que gobernos e operadores verifiquen emisións, activen medidas correctoras e fagan seguimento dos resultados.
Segundo o organismo internacional, a mellora na transparencia e rastrexabilidade das emisións permitirá a administracións, operadores e actores industriais adoptar medidas máis eficaces para reducilas, incluíndo o ámbito dos residuos.
Limitar o aumento da temperatura global
O metano é un dos gases con maior potencial de quecemento a curto prazo, e a súa redución considérase unha das vías máis rápidas para limitar o aumento da temperatura global. Neste contexto, o reforzo dos sistemas de detección e resposta perfílase como un elemento esencial para avanzar nos obxectivos climáticos e mellorar a xestión ambiental de sectores emisores.
Segundo Martin Krause, Director de Cambio Climático do PNUMA, a redución de metano é o «freo máis rápido que se ten ao quecemento global», salientando a importancia de que as emisións detectadas se reparen rapidamente.
Estes anuncios representan un paso crucial para pasar do mero coñecemento de onde se producen as fugas de metano a dispoñer das ferramentas necesarias para detelas.
Fonte: ONU