- Polo Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña) pasaron preto de 91.000 persoas interesadas en coñecer de primeira man o tratamento que reciben os residuos producidos hoxe por 304 concellos
- O informe de balance do curso 2025-2026, elaborado en base aos cuestionarios en liña cubertos, de forma anónima e voluntaria, polos visitantes, non deixan lugar a dúbidas sobre o impacto positivo que ten para a cidadanía coñecer in situ a xestión desta Sociedade pública
- A boa organización do programa, a modernidade das instalacións, a adopción de tecnoloxías punteiras, a transparencia, as atencións e os recursos educativos innovadores de apoio son, entre outros, algúns dos aspectos da entidade mellor valorados
- Un amplo número de enquisados considera esta experiencia como visita obrigada para todos, cualificando o labor de Sogama no seu conxunto como imprescindible para Galicia
Cerceda, 6 de agosto de 2026.- O programa de visitas a Sogama, polo que xa pasaron preto de 91.000 persoas interesadas en coñecer de primeira man o tratamento que reciben os residuos producidos hoxe por 304 concellos, continúa cultivando éxitos. Así se recolle no informe de balance correspondente ao curso 2025-2026, elaborado en base aos cuestionarios en liña cubertos, de forma anónima e voluntaria, polos visitantes, e cuxos resultados resultan de gran axuda a esta empresa pública para mellorar o seu servizo.
Os responsables de grupo cualificaron a visita ao Complexo Medioambiental de Sogama en Cerceda (A Coruña) como experiencia enriquecedora, interesante, dinámica e moi proveitosa, polo que consideran necesario repetila no futuro con novos integrantes. Valoran especialmente a boa organización do programa, a modernidade das instalacións, a adopción de tecnoloxías punteiras, a transparencia e os recursos educativos innovadores de apoio. Tamén cualificaron como excelente o traballo do equipo educativo polo seu trato e profesionalidade, destacando a súa capacidade para conectar cos visitantes e trasladarlles a información dunha forma amena, entretida e adaptada aos distintos perfís e características.
Valoracións por colectivos
Atendendo a colectivos concretos, os docentes destacaron a oportunidade que a visita ofrece para que o alumnado poida comprender, de forma práctica, o proceso de xestión de residuos, axudándolle ao mesmo tempo a tomar conciencia sobre a problemática que estes representan nas sociedades modernas e a necesidade de implicarse na súa xestión para avanzar na protección do medio ambiente e o desenvolvemento sostible.
Pola súa banda, os escolares sentíronse especialmente atraídos polas lentes de realidade virtual para ver as instalacións e os xogos interactivos, así como polas explicacións recibidas, mentres que os adultos chegaron a cualificar a experiencia como visita obrigada para todos os cidadáns, á vez que valoraron o labor de Sogama como imprescindible para Galicia, pois, máis aló do alto nivel tecnolóxico das súas instalacións, destacaron a preocupación da empresa pola educación ambiental da poboación, con múltiples actividades que contribúen en boa medida á formación e concienciación.
Interese de grupos estranxeiros
No programa de visitas tamén participaron delegacións estranxeiras de Panamá, Turquía, Macedonia e Grecia, interesadas en coñecer os pormenores do modelo Sogama como posible sistema extrapolable a outras rexións ao complementar a reciclaxe coa valorización enerxética da parte non reciclable e reducir así a mínimos a vertedura, a opción máis contaminante e perniciosa para a saúde.
Saúdos, Departamento de Comunicación