- Ademais de comprobar o estado dos proxectos de cada un dos 25 centros participantes, realizaranse mostraxes dos contedores de recollida selectiva subministrados a cada un deles para comprobar a calidade dos residuos e cuantificar a porcentaxe de impropios
- Os resultados das caracterizacións incorporaranse á avaliación da memoria de seguimento que a finais de curso deberán presentar os colexios a través da aplicación informática do Plan Proxecta
Cerceda, 11 de maio de 2026.- A edición 2025-2026 do programa educativo “Recíclate con Sogama”, canalizado a través do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, entra na súa última fase coa terceira visita de seguimento aos 25 centros escolares (de infantil e primaria) das catro provincias que participan nesta iniciativa.
Ademais de supervisar o traballo realizado polo profesorado e o alumnado no eido da xestión sostible dos residuos urbanos e a aplicación do principio dos tres erres (redución, reutilización e reciclaxe), os monitores de Sogama realizarán mostraxes dos catro contedores (amarelo, azul, marrón e xenérico) que conforman as illas de reciclaxe subministradas por parte desta empresa pública a cada un dos colexios co fin de comprobar a calidade dos residuos, isto é, o grao de acerto ou erro no depósito dos mesmos, e cuantificar a porcentaxe de impropios, é dicir, aqueles refugallos que, dadas as súas características, deberían introducirse noutro contedor.
A puntuación obtida neste apartado computará na avaliación final das memorias que cada centro debe presentar a través da aplicación informática do Plan Proxecta da Xunta de Galicia, unha vez finalizado o período académico.
Planning trimestral
O programa “Recíclate con Sogama” foi deseñado no seu momento para que a reciclaxe estivese presente nos centros participantes durante todo o curso, polo que as actividades se estruturaron e desenvolveron por trimestre para facilitar a súa execución.
Así, no primeiro trimestre, educadores de Sogama visitaron cada escola coa pretensión de recabar datos de interese sobre os seus coñecementos, bagaxe e experiencia na reciclaxe, proporcionándolles os medios materiais e didácticos necesarios para que puidesen materializar os seus proxectos.
No segundo trimestre leváronse a cabo as formacións presenciais. Apoiadas con recursos audiovisuais e xogos, centráronse en explicar a problemática que trae consigo a elevada produción de residuos, como facer fronte á mesma e como separar correctamente os materiais en orixe para garantir o seu posterior reciclado e, polo tanto, a súa transformación en novas materias primas. Tamén durante este período intermedio realizouse unha segunda visita de seguimento para comprobar o estado dos proxectos e resolver dúbidas.
Na última etapa, os centros atópanse pechando os seus traballos e preparando as súas memorias de actividades a fin de que sexan sometidas a avaliación por parte de Sogama e a Consellería de Educación.
Saúdos, Departamento de Comunicación