- A xornada de peche tivo lugar na sede de LIPOR (Oporto, Portugal), participando na mesma representantes das entidades socias do proxecto, que lidera Sogama
- O encontro serviu para facer balance e compartir os principais resultados, aprendizaxes e desafíos dunha iniciativa que permitiu explorar o potencial da sensorización, a Intelixencia artificial e a robotización para mellorar os procesos de recollida, clasificación, reciclaxe e valorización de residuos
- Así mesmo, a cita concibiuse como unha oportunidade para reflexionar sobre os próximos pasos a dar na innovación aplicada á xestión de residuos
Cerceda, 26 de novembro de 2026.- O pasado venres, 20 de novembro, a sede de LIPOR, en Oporto (Portugal), acolleu a xornada de peche do proxecto de cooperación transfronteiriza GRESINT, cuxo obxectivo foi contribuír a unha xestión máis sostible e circular dos residuos a través do desenvolvemento e aplicación de tecnoloxías intelixentes.
Seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027, o proxecto, liderado por Sogama, contou coa participación, en calidade de socios, do Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, así como da Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI), por parte de Portugal.
O encontro, no que se deron cita portavoces das entidades socias do proxecto, asistindo, por parte de Sogama, Mónica Pérez, Técnico Superior de I+D+i, serviu para facer balance e compartir os principais resultados, aprendizaxes e desafíos dunha iniciativa protagonizada pola transformación dixital e que permitiu explorar o potencial da sensorización, a Intelixencia artificial e a robotización para mellorar os procesos de recollida, clasificación, reciclaxe e valorización de residuos.
Conxugando tecnoloxía e formación
Neste sentido, cómpre salientar que unha separación máis precisa dos residuos, permite recuperar materiais de maior calidade e facilita a súa reincorporación ao ciclo produtivo, contribuíndo así á economía circular.
Non obstante, e máis aló da posta en común do traballo realizado polas partes no marco do GRESINT, técnicos, investigadores e especialistas reflexionaron tamén sobre as oportunidades que a dixitalización e a IA ofrecen ao sector, así como sobre a importancia do financiamento e a cooperación transfronteiriza para acelerar a innovación e desenvolver respostas conxuntas que permitan dar cumprimento aos obxectivos europeos de reciclaxe, reintroducindo no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que poidan substituír aos virxes.
Unha das tarefas máis relevantes foi a aplicación experimental, tanto na planta de clasificación de envases de Sogama como na de LIPOR, de solucións tecnolóxicas para unha mellor separación dos residuos e que se traduciron na optimización da sensorización dos procesos de clasificación, o uso de Intelixencia artificial para procesar e analizar grandes volumes de datos e a incorporación de sistemas de robotización para mellorar a clasificación dos materiais e o control de calidade.
Máis aló do compoñente tecnolóxico, GRESINT incluíu accións de formación e comunicación dirixidas a diversos públicos da Eurorrexión —incluíndo á cidadanía, administracións públicas e profesionais do sector—, promovendo a concienciación sobre a importancia dunha correcta separación de residuos en orixe e o papel das tecnoloxías intelixentes para incrementar os niveis de reciclaxe.
O proxecto conseguiu integrar o coñecemento científico, a investigación e a divulgación, poñéndoos ao servizo da sostibilidade e a economía circular na xestión e tratamento de residuos, e a xornada de peche representou tamén unha oportunidade para reflexionar sobre os próximos pasos a dar na innovación aplicada á xestión de residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación