- Dará comezo o vindeiro xoves, 22 de outubro, e estenderase ata o 20 de novembro, contando cun total de 22 horas
- Impartirase, vía en liña, a través da Academia Lipor e a inscrición no mesmo é gratuíta, estando aberto a todos os interesados ata o 21 de outubro
- No mesmo abordaranse, entre outros contidos, a dixitalización e as tendencias tecnolóxicas na xestión de residuos, así como as plataformas de datos e estratexias Data-Driven, á vez que se darán a coñecer os casos de estudo de Sogama e Lipor
Cerceda, 19 de outubro de 2026.- Logo do desenvolvemento de dous webinars, con resultados moi satisfactorios, o proxecto de cooperación transfronteiriza Gresint, que lidera Sogama, abrirá o vindeiro xoves unha acción formativa 100% en liña que se centrará na transformación dixital e intelixente da xestión dos residuos, sendo o seu obxectivo dar a coñecer como a dixitalización, os datos e as tecnoloxías intelixentes poden contribuír a facer que o proceso de clasificación dos materiais sexa máis eficiente, sostible e orientado á toma de decisións.
Baixo o título “Transformación Dixital dos Residuos. Da Teoría á Práctica”, o curso, cunha duración de 22 horas, arrincará o 22 de outubro, e estenderase ata o 20 de novembro, impartíndose a través da Academia LIPOR.
No mesmo abordaranse, entre outras temáticas, a dixitalización e as tendencias tecnolóxicas na xestión de residuos, así como as plataformas de datos e estratexias Data-Driven, e todo isto aderezado con casos de estudo como os Sogama e Lipor. Tamén se reservará un espazo para falar sobre as oportunidades de futuro que se abren na xestión de residuos, dedicando unha das sesións a resolver dúbidas e ampliar información.
A inscrición é gratuíta: https://academia.lipor.pt/ogin/signup.php
Sobre Gresint
Liderado por Sogama, son socios do proxecto, por parte de Galicia, o Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións (CITIC) da Universidade da Coruña, e, por parte de Portugal, a Asociación de Municipios para a Xestión Sostible de Residuos de Grande Porto (LIPOR) e a Universidade de Beira Interior (UBI).
Seleccionado na terceira convocatoria do Programa Interreg España-Portugal (POCTEP 2021-2027), o proxecto Gresint, que conta cun orzamento próximo aos 800.000 euros e un cofinanciamento europeo, concluirá este mesmo ano, sendo a súa pretensión, a través do traballo realizado, axudar na consecución dos obxectivos europeos de reciclaxe, permitindo introducir no ciclo produtivo materiais recuperados de alta calidade que substituirán aos virxes, conforme os preceptos da economía circular.
Máis información en https://www.sogama.gal/gl/gresint
Saludos, Departamento de Comunicación