SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

O proxecto Unha Segunda Oportunidade do centro penitenciario de Monterroso traspasa fronteiras

Print this pagePrint this page
  • Tras unha longa secuencia de exitosas iniciativas en torno ao medio ambiente, improvisaron un taller de costura e confeccionan  bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas fóra de uso.
  • Formas, cores e adornos fannas únicas, tanto na súa concepción como no seu obxectivo, pois, máis aló de constituír unha actividade ocupacional, con este proxectp pretenden aportar o seu gran de area na loita contra a contaminación por plásticos.
  • O taller de costura do centro monterrosino semella unha boutique especializada, pero co selo  d “R” (Reciclar como vía para Reeducar e Reinsertar).
  • Agora toca pensar na saída que se dará a esas bolsas especiais. As alternativas xa están sobre a mesa e serán avaliadas e sopesadas para elixir a máis solidaria.

Cerceda, a 9 de xullo de 2019.- O proxecto educativo “Unha segunda oportunidade” que se desenvolve no centro penitenciario de Monterroso baixo a coordinación do director da Escola de Adultos, Pedro Cantero, e o traballo a pé de obra de Lucía Rodil, unha das profesoras do centro, constitúe un novo referente no proceso de reinserción social dos internos.

Monterroso sorprende cada ano cunha nova iniciativa e acumula xa unha secuencia de proxectos que forman parte dun estudado plan de acción que ten un fin último: unha vida digna máis aló das fronteiras dun centro penitenciario.

Ademais das distintas actividades levadas a cabo no marco de proxectos europeos con outros países, a Escola de Adultos soubo buscar e xestar as súas propias accións a través das cales pretende traballar en valores, servindo o medio ambiente para formar aos internos no respecto, a boa convivencia, a harmonía, o compañeirismo, o labor en equipo e a empatía, á vez que se lles convida a reflexionar sobre esa outra vida que lles espera fóra e á que terán que enfrontarse cunha nova aptitude que lles permita vivila con dignidade.

E nese empeño traballa de forma incansable este centro penitenciario, que se erixiu en todo un exemplo a seguir. Tanto é así, que non só a prensa escrita e especializada, ademais das emisoras de radio, se interesan pola súa tarefa, senón que ata a propia Televisión de Galicia accedeu ás súas dependencias para tomar imaxes e boa nota do seu último proxecto estrela: confeccionar bolsas de tea a partir de pantalóns vaqueiros e batas fóra de uso. E a estes mesteres dedícanse varios internos nun improvisado taller de costura no que contan coas ferramentas necesarias para deseñar, dar forma, coser e adornar as bolsas con eses detalles que as fan únicas; únicas na súa concepción e únicas no seu obxectivo.

CON SELO “R”

Porque, máis aló de configurarse como unha actividade ocupacional, con este traballo tamén queren aportar o seu gran de area a facer fronte ao irracional uso das bolsas plásticas de usar e tirar e que, en moitas ocasións, acaban abandonadas no medio natural, onde tardan séculos en degradarse. No mar, viaxan arrastradas polas correntes mariñas, con graves consecuencias para os ecosistemas, o turismo, a pesca e a fauna, xa que os animais inxírennas ao confundilas con alimentos, ocasionándolles en moitos casos a morte.

O taller de costura do centro monterrosino semella unha boutique especializada, pero co selo  do “R” (Reciclar como vía para Reeducar e Reinsertar). O traballo continúa e agora toca pensar na saída que se dará a esas bolsas especiais. As alternativas xa están sobre a mesa e serán avaliadas e sopesadas para elixir a máis solidaria.

Saúdos, Departamento de Comunicación

9 Xul 2019

Galería