- Disto deixouse constancia no EcoEncuentro de Recyclia, celebrado recentemente en Madrid baixo o lema “A RAP como motor da Economía Circular”, e no que se presentou o VII Informe Anual sobre tendencias na industria da Reciclaxe de RAEE e pilas en España
Cerceda, 24 de novembro de 2026.- Cada tonelada de residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE) contén, de media, 100 quilos de materias primas fundamentais para a política económica da Unión Europea, pola súa criticidade para sectores como as enerxías renovables, a mobilidade eléctrica, a dixitalización ou a defensa. Así se recolle no VII Informe Anual de Recyclia sobre tendencias na industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España, presentado no EcoEncontro 2026 e centrado este ano no potencial destes residuos como fonte de recursos estratéxicos para a industria comunitaria.
O documento, único actualmente en analizar a evolución do sector da xestión de RAEE, pilas e baterías en España, sinala que a concentración de materias primas fundamentais varía segundo o tipo de residuo. As lámpadas acumulan a maior proporción, con 321 quilos por tonelada (máis do triplo da media), seguidas dos paneis fotovoltaicos (147 quilos) e os pequenos aparellos (140 quilos). Os grandes aparellos conteñen unha media de 57 quilos por tonelada. Entre os materiais con maior potencial de recuperación figuran o cobre, o aluminio e o neodimio.
O aproveitamento destes materiais cobra especial relevancia ante a elevada dependencia europea de subministracións exteriores e concentradas nun número reducido de países. Segundo o informe de Recyclia, China achega o 97% do magnesio e o 71% do galio; Turquía, o 99% do boro; e Chile, o 79% do litio. En España, a dependencia exterior doutros metais non férreos foi do 85% en 2024, 19 puntos porcentuais máis que en 2022. O níquel presenta unha dependencia total das importacións.
O documento advirte que aproveitar os recursos contidos nos RAEE segue expoñendo importantes desafíos: mellorar as técnicas de recuperación de determinados materiais, garantir a súa demanda no mercado, abordar a rendibilidade dos procesos e as necesidades de financiamento. A isto súmase que os obxectivos de reciclaxe de RAEE fíxanse por peso, sen distinguir entre materiais, o que pode limitar a recuperación daqueles de maior valor estratéxico.
Baterías de vehículo eléctrico: novas oportunidades
A recuperación de materias primas fundamentais adquire especial relevancia nas baterías de vehículos eléctricos, cuxo volume de residuos aumenta coa electrificación do transporte. O parque español de turismos eléctricos superou as 642.100 unidades en 2025 (+53,9% respecto ao ano anterior) e podería rebasar os 3,1 millóns en 2030. Paralelamente, as baixas destes vehículos pasarían das 11.900 de 2025 a preto de 75.700 en 2030, xerando un fluxo crecente de baterías usadas.
Aínda que a UE dispón dunha capacidade de reciclaxe de baterías superior ás 300.000 toneladas anuais, o informe advirte das limitacións para refinar a denominada black mass, que concentra materiais coma o litio, o cobalto ou o níquel. Estas limitacións cobran especial relevancia ante as restricións, previstas a partir de decembro de 2026, á exportación de black mass a países fóra da OCDE. A iso súmanse as esixencias do Regulamento europeo de baterías, que fixa para finais de 2027 obxectivos de recuperación de alomenos o 90% do cobalto, o cobre e o níquel, e do 50% do litio.
Máis de 1.400 millóns de euros achegados á economía española
En 2025, a industria da reciclaxe de RAEE e pilas en España xerou un valor engadido bruto (VAB) de 1.415 millóns de euros (incluíndo efectos directos, indirectos e inducidos). Desta cantidade, 520 millóns corresponden á actividade directa das empresas do sector, que achegaron ademais 230 millóns de euros ás arcas públicas.
En termos de emprego, a industria contribuíu ao mantemento duns 24.500 postos de traballo equivalentes a xornada completa, dos que 8.695 foron directos.
En canto á evolución do mercado, en 2025 comercializáronse en España 1.667.100 toneladas de aparellos eléctricos e electrónicos, un 5,6% menos que o ano anterior, debido principalmente ao descenso dos grandes paneis fotovoltaicos.
Para rematar, o informe sinala que en 2023 (último exercicio con datos dispoñibles) recolléronse en España 448.200 toneladas de RAEE, un 7,7% máis que o ano anterior, fronte ao crecemento do 4,4% rexistrado no conxunto da UE.
Fonte: IndustriAmbiente