- Así o anunciou o presidente da Sociedade, Javier Domínguez Lino, durante a súa intervención no acto do lanzamento oficial do proxecto europeo Corredor Atlántico Noroeste, liderado polo Clúster da Función Loxística de Galicia
- O máximo responsable de Sogama non dubidou en cualificar ao ferrocarril como unha excelente opción para o transporte de mercancías, destacando a súa condición de medio eficiente, sostible, máis respectuoso co medio ambiente, con maior sincronización horaria, menor sinistralidade e tamén menores molestias cidadás
- O peso do tren na loxística desta empresa pública subiu do 25% en 2016 ao 55% na actualidade, posicionando a Galicia como a única comunidade de toda España na que os residuos viaxan en ferrocarril
- Lamentou, non obstante, que o labor do operador e do administrador de infraestruturas ferroviarias non estivese á altura, especialmente durante o primeiro semestre deste ano, con continuas incidencias e cortes no servizo que Sogama tivo que resolver cos seus propios recursos
Cerceda, 22 de xullo de 2026.- Con motivo do lanzamento oficial do proxecto europeo Corredor Atlántico Noroeste, liderado polo Clúster da Función Loxística de Galicia e que tivo lugar na Cidade da Cultura (Santiago de Compostela), o presidente de Sogama, Javier Domínguez Lino, foi invitado a participar nunha mesa redonda centrada no papel que o ferrocarril desempeña na competitividade das empresas, onde estivo acompañado polo Responsable de Loxística España en Nauterra, Pablo Carro, e a Secretaria Xeral da Asociación de Cargadores de España, Nuria Lacaci.
Durante a súa intervención, o máximo responsable de Sogama non dubidou en cualificar ao ferrocarril como unha excelente opción para o transporte de mercancías, destacando a súa condición de medio eficiente, sostible, máis respectuoso co medio ambiente, con maior sincronización horaria, menor sinistralidade e tamén menores molestias cidadás. Tanto é así, que o peso do tren no sistema público de xestión de residuos promovido pola Xunta subiu do 25% en 2016 ao 55% na actudalidade.
Esta firme aposta polo tren evitou, entre os anos 2014 e 2025, a circulación de 221.663 camións polas estradas galegas, así como a emisión de 25.110,78 toneladas de CO2 equivalente, ademais dun aforro aproximado de gasoil de 11.704.000 litros (ao redor de 1.064.000 litros cada ano).
Domínguez Lino lembrou que Sogama xestiona actualmente os residuos producidos por 304 concellos, o 97% do total, que aglutinan a unha poboación de máis de 2,3 millóns de habitantes, realizando o transporte por vía férrea desde as terminais de Taboadela, en Ourense; Guixar (Porto), en Vigo; e O Ceao, en Lugo, posicionando a Galicia como a única comunidade de toda España na que os residuos viaxan en tren.
Xestión desafortunada do operador e administrador de infraestruturas
Se ben o ferrocarril goza, para o presidente de Sogama, de vantaxes incuestionables, lamentou que a xestión do operador e do administrador de infraestruturas ferroviarias non estivese á altura, especialmente durante o primeiro semestre deste ano. Os cortes do servizo sen planificación e sen aviso previo, levou a que unha elevada cifra de contedores da Sociedade quedaran atrapados nas vías sen posibilidade de recuperalos, precisando dunha total reorganización do servizo por estrada sen apenas tempo. Esta circunstancia desencadeou outras incidencias tales como retencións dos camións municipais nas plantas de transferencia, ralentización da recollida de lixo en pobos e cidades, e unha constante tensión no transporte de residuos polo conxunto do territorio galego.
Javier Domínguez expresou o seu malestar polas sucesivas incidencias dos últimos meses, que nalgúns casos chegaron a durar máis de 30 días seguidos, co impacto que isto supuxo para a compañía, tanto a nivel de recursos humanos e materiais, como económicos. Non obstante, insistiu en diferenciar, por unha banda, os beneficios inherentes ao transporte por ferrocarril, e, por outro, o traballo do operador e administrador das vías, ao que cualificou de errático e pouco afortunado.
A preferencia do ferrocarril no modelo Sogama foi, en palabras do seu presidente, “unha firme aposta pola eficiencia e as menores emisións de CO2 á atmosfera, permitíndonos rebaixar a pegada ecolóxica da nosa actividade”.
Saúdos, Departamento de Comunicación