- Artigo do presidente de Sogama, Javier Domínguez, con motivo da commemoración do Día Internacional da Reciclaxe
Hoxe, 17 de maio, coincidindo co Día das Letras Galegas, celébrase tamén o Día Internacional da Reciclaxe, unha efeméride que este ano foi bautizada co lema “Non penses en residuos, pensa en oportunidades”. Outra proba evidente de que o status do residuo cambiou substancialmente, dado o seu potencial como recurso, pero coa particularidade de que só poderá ter tal condición se, entre todos o facemos posible.
Porque, malia a innovación e os avances tecnolóxicos, hai un sinxelo xesto que continúa a ser fundamental, e diría que esencial, para que esa transformación sexa unha realidade: separar correctamente os residuos en orixe e introducilos no contedor axeitado. E aquí o cidadán ten un papel crave que desempeñar, xa que, máis aló do seu coñecemento sobre como realizar esta segregación de materiais, serán a súa vontade e conciencia as condicións que verdadeiramente resultarán decisivas para incrementar as taxas de reciclaxe. Un traballo que nin as empresas nin as máquinas poden realizar por nós.
Desde sempre soubemos que a conversión de residuos en novos produtos contribúe de forma decisiva ao aforro de enerxía e de materias primas virxes, pero facelo posible hoxe adquire máis sentido e relevancia que nunca porque o planeta está en risco; os efectos do cambio climático xa son palpables, o termómetro do quecemento continúa nun vertixinoso ascenso e os fenómenos climatolóxicos adversos son cada vez máis frecuentes e as súas consecuencias, imprevisibles.
Non podemos seguir subestimando o que está a acontecer nun mundo globalizado e debemos revelarnos ante a maldita lenda de que pouco ou nada podemos facer a título individual. É precisamente o traballo individual de moitos o que empodera á cidadanía e son os pequenos xestos diarios os que poden levar a un cambio de tendencia que nos permita coidar o máis prezado que temos: a propia vida e a oportunidade de vivir de forma plena e sostible.