- A empresa pública proporciona unha serie de recomendacións a poñer en práctica á hora de cociñar, comprar, desprazarse ou xestionar os residuos, para contribuír a que estas festas sexan máis sostibles
Cerceda, 22 de decembro de 2025.-Máis aló de ser época de festas e celebracións amenizadas con suculentos menús e múltiples compras de gran variedade de produtos, o Nadal tamén se distinguen por ser un dos momentos do ano con maior consumo de recursos e, en consecuencia, de maior xeración de residuos. A repetitiva adquisición de artigos de usar e tirar, acaba enchendo contedores de lixo a un ritmo frenético, circunstancia que esixe aos servizos municipais un maior despregamento de medios materiais, así como de persoal de limpeza e recollida.
Con todo, gozar plenamente destas datas non está rifado co coidado do medio ambiente. Xestos solidarios e responsables en determinados ámbitos marcan a diferenza:
A cociña
A comida constitúe un elemento central do Nadal, do mesmo xeito que o desperdicio alimentario. De aí a importancia de facer un inventario das existencias que temos no fogar e, conforme ao mesmo, planificar os menús e os alimentos a comprar, que preferiblemente debemos adquirir a granel ou co menor envase e embalaxe posible. igualmente, resulta aconsellable priorizar os produtos locais e de tempada, e axustar as racións ao número de comensais. Se aínda así hai sobras, pódense reutilizar para novas receitas ou ben conxelalas correctamente e etiquetalas para evitar que queden esquecidas.
Algunhas receitas de aproveitamento poderían ser croquetas e albóndegas con sobras de carne ou peixe, ensaladas tépedas de verduras asadas, pudding de pan duro, sopa de caldo de ósos e restos, revoltos, etc.
As froitas, verduras, hortalizas e legumes tamén poden ser os ingredientes estrela de deliciosos pratos, coa vantaxe de que resultarán máis dixestivos, lixeiros e saudables.
Para a preparación dos menús, non resulta esencial consumir moito tempo e enerxía, que poden verse reducidos sen renunciar á calidade. Por exemplo, desconxelando dentro do frigorífico, cociñando con tapa, aproveitando a calor residual do forno, enfornando varios pratos á vez e usando o lavalouzas cheo e en modo eco.
As compras
As compras dispáranse nestas datas, tanto de agasallos como de elementos de decoración.
En canto aos primeiros, tamén neste caso debe darse prioridade ao local e artesanal, contribuíndo á economía da nosa contorna, e optar por artigos útiles e duradeiros, así como os de segunda man ou reacondicionados, sen esquecer os envoltorios sostibles (papel reciclado ou bolsas reutilizables).
No caso da decoración, convén apostar polo natural (ramas, piñas ou materiais reciclados), e o uso de luces LED con temporizador.
En canto á árbore de Nadal, ou ben natural en maceta, para replantala despois, ou ben artificial de calidade para reutilizala durante moitos anos.
O transporte
Durante estas festas multiplícanse os desprazamentos para compras, reunións familiares e con amigos, comidas, ceas, vacacións etc. Planificar e elixir medios de transporte máis limpos, contribúe a reducir emisións e a desconxestionar o tráfico por estrada.
Compartir coche, usar transporte público, agrupar compras nunha soa viaxe e camiñar ou utilizar bicicleta en traxectos curtos, poden ser boas alternativas.
Os residuos
Se consumimos de forma consciente e responsable, reduciremos a xeración de residuos, que, en todo caso, deberemos separar correctamente por tipoloxías e depositalos nos contedores axeitados para garantir o seu posterior reciclado:
- Amarelo: envases de plástico, latas e briks
- Azul: papel e cartón
- Iglú verde: envases de vidro
- Marrón: materia orgánica
- Xenérico: fracción resto
Un Nadal máis sostible, non implica renunciar ás tradicións, senón simplemente adaptalas para minimizar a nosa pegada ecolóxica.
Saúdos, Departamento de Comunicación