- Con esta nova partida, serán preto de 250 os recipientes entregados pola empresa pública a este Concello
- O obxectivo é que medio cento de familias poidan incorporarse a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais e económicos
Cerceda, 29 de outubro de 2026.- Sogama remitirá a Sober (Lugo) unha nova partida de 50 composteiros a fin de que o ente local poida ampliar o seu programa de autoxestión da materia orgánica, posibilitando que outras tantas familias se incorporen a esta iniciativa, con importantes beneficios ambientais e económicos.
Con este envío, xa son preto de 250 os recipientes achegados pola empresa pública a este Concello, que desde hai anos fixo unha decidida aposta pola compostaxe doméstica, recuperando así unha práctica tradicional no rural galego que agora se apoia no composteiro (con capacidade para 400 litros e fabricado con materiais reciclados e reciclables), dispositivo que posibilita un proceso máis cómodo, hixiénico e eficiente.
Desta forma, a materia orgánica, que representa ao redor do 40% da composición dunha bolsa de lixo doméstico tipo, ponse en valor nas propias vivendas mediante a súa conversión en compost, un abono de alta calidade que se emprega como fertilizante natural en hortas, xardíns e terras de cultivo, pechando o ciclo propio da natureza e, polo tanto, erixíndose en todo un exemplo de economía circular.
Así mesmo, ao xestionar esta porcentaxe de residuos en orixe, evítase o seu depósito nos contedores convencionais, minorando as cantidades enviadas a Sogama para o seu tratamento final no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), podendo verse reducidos os custos para as arcas locais.
A fin de que o resultado sexa exitoso, resulta necesario que os participantes sigan a operativa recomendada, que comeza coa localización do composteiro, que debe estar en contacto directo coa terra e protexido das inclemencias meteorolóxicas, e que continúa co depósito correcto dos restos orgánicos e o control de parámetros que influirán na calidade do abono, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade, garantindo desta forma que o compost obtido cumpra os requisitos esixidos pola lexislación vixente e que poida ser aplicado no solo sen restricións.
Saúdos, Departamento de Comunicación