- Cun orzamento próximo a 1 M€ e un prazo de execución que se estende ata 2027, a pretensión desta iniciativa é contribuír á redución da extracción de materias primas non renovables e poñer en valor os residuos para reintroducilos nos ciclos produtivos
- O encontro, liderado pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, contou coa participación de representantes das entidades que integran o consorcio encargado de executar o proxecto, isto é, o centro tecnolóxico CETIM, Naturea Medioambiente e a Universidade de Barcelona, ademais de Sogama
Cerceda, 23 de xullo de 2026.- A sede de Sogama en Cerceda (A Coruña) acolleu en días pasados unha das reunións de seguimento do proxecto SMMASH, cuxo obxectivo é recuperar e aproveitar as escouras e cinzas resultantes do proceso de valorización enerxética dos residuos non reciclables a fin de utilizalas como recursos secundarios na formulación e desenvolvemento de novos materiais de construción, así coma no deseño de novos procesos de recuperación de metais.
A súa pretensión é contribuír, no marco dunha economía circular, á redución da extracción de materias primas non renovables, mitigando desta forma o impacto enerxético e ambiental xerado pola fabricación de materiais e/ou pola obtención de metais de alto valor engadido, e xestionar residuos como recursos que volven a reintroducirse nos ciclos produtivos.
O encontro, liderado pola directora xeral de Sogama, Mirta Sueiro Costoya, contou coa participación de representantes das entidades que conforman o consorcio encargado de executar o proxecto, isto é, o centro tecnolóxico CETIM, Naturea Medioambiente e a Universidade de Barcelona, ademais de Sogama.
Ao longo da xornada expúxose o estado actual das actividades a levar a cabo e procedeuse á análise conxunta dos resultados alcanzados ata o momento, completándoa cun percorrido guiado polo Complexo Medioambiental cercedense, onde se xestionan os residuos producidos por 304 concellos galegos, o 97% do total. O grupo prestou especial atención á fase final de tratamento da fracción resto, acondicionada en forma de combustible CDR que, posteriormente, alimenta unha planta termoeléctrica para producir enerxía eléctrica suficiente coa que abastecer ao 12% dos fogares galegos.
O itinerario realizado permitiu tamén aos socios do proxecto SMMASH valorar as posibles zonas nas que se contrastarán e validarán os materiais e as tecnoloxías que se están a desenvolver, previamente á súa potencial aplicación futura.
Financiamento
Cun orzamento próximo a 1 millón de euros e un prazo de execución que se estende ata 2027, o proxecto de I+D+i ‘Materiais e metais sostibles a partir do aproveitamento de cinzas de fondo e volantes procedentes da valorización enerxética de residuos municipais’ (SMMASH) (Referencia: CPP2023-010606)” está financiado polo MCIU (Ministerio de Ciencia, Innovación e Universidades), a AEI (Axencia Estatal de Investigación, 10.13039/501100011033) e por FEDER, UE.
Saúdos, Departamento de Comunicación