SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA
SOGAMA en Facebook
SOGAMA en Twitter
SOGAMA en Vimeo
SOGAMA en Linkedin
SOGAMA

Idiomas

Sogama conmemora o Día do Medio Ambiente cunha campaña online na que enxalza o poder dos 3R

Print this pagePrint this page
  • A iniciativa forma a forma dun manual de boas prácticas sobre a redución, reutilización e reciclaxe, así como catro microvídeos sobre o bo uso dos principais contedores de recollida selectiva habilitandos nas vías públicas: amarelo, azul, iglú verde e verde xenérico.
  • A compañía faise eco do proxecto de ampliación do seu complexo ambiental, que arrincou coa posta en marcha dunha nova planta para a recuperación de materiais contidos no lixo convencional e que agora prosegue coa remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible.
  •  Esta mellora, vinculada á innovación tecnolóxica ambiental, permitirá á empresa tratar en condicións óptimas os residuos urbanos producidos polos 295 concellos adscritos ao seu modelo, multiplicar por catro a súa achega á reciclaxe e chegar en 2020 ao vertido técnico cero.

Cerceda, a 5 de xuño de 2019.- #RRR. O Medio Ambiente necesita a túa axuda. Así reza o lema da campaña online que Sogama lanza para conmemorar o Día Mundial do Medio Ambiente e que destina fundamentalmente aos 295 concellos adheridos ao seu modelo de xestión a fin de axudalos a implantar medidas efectivas (Reducir, Reutilizar e Reciclar) coas que minorar a xeración de refugallos en orixe e incrementar as súas porcentaxes de reciclado, en liña coas directrices europeas na materia, enmarcadas á súa vez no paquete de economía circular.

Con esta iniciativa, a Sociedade pública pon a disposición dos concellos, e de calquera interesado, unha serie de recursos divulgativos que toman a forma dun manual de boas prácticas, con vocación didáctica e asequible para todo tipo de público, e catro microvídeos a través dos cales abunda nas funcionalidades dos catro principais contedores ubicados nas vías públicas para o depósito de residuos, concretando o que debe e non debe depositar o cidadán en cada recipiente. A pretensión última é axudar á poboación a que efectúe unha selección de maior calidade, sendo esta un factor clave para incrementar as taxas de reciclado.

Recórdase así que o contedor amarelo destínase a acoller envases de plástico, latas e briks, nunca plásticos que non sexan envases nin envoltorios; que o contedor azul está concibido para os envases de cartón e papel, debendo evitar elementos accesorios tales como argolas, grampas e arames e, por suposto, panos de papel sucios e cartóns manchados con graxa e aceite; que o iglú verde recepciona envases de vidro (botellas, frascos e tarros), nunca vidros especiais como poden ser os vasos de cristal, espellos, cristais de fiestras e parabrisas de coches; e que o contedor verde constitúe o último elo para depositar a fracción non reciclable.

Non obstante, e con carácter previo á reciclaxe, o propio manual faise eco de sinxelos xestos cos que facilitar unha xestión máis sostible dos residuos: comprar con racionalidade e tendo en conta as verdadeiras necesidades, priorizar as adquisicións a granel e evitar o uso desmedido de envases e envoltorios, así como levar a bolsa da casa á tenda e recuperar o tradicional carriño da compra.

No caso dos produtos perecedeiros, insístese na conveniencia de revisar primeiro  a despensa e a neveira para consumir antes os máis antigos, así como na importancia de diferenciar entre data de caducidade (momento a partir do cal un artigo pode representar un risco para a saúde) e data de consumo preferente (momento a partir do cal un produto pode perder cualidades tales como textura, cheiro, sabor, pero sen representar unha ameaza para a saúde), axustar as racións ao número de comensais e aproveitar as sobras para elaborar novos menús. E, para os desperdicios alimentarios, unha boa opción, no caso de familias que habiten en vivendas con terreo, é elaborar compost a partir dos mesmos, pechando así o círculo de recuperación da materia orgánica, que se devolve ao solo en forma de nutrientes.

Aconséllase tamén prescindir dos plásticos dun só uso, dar prioridade aos materiais con recambio e doar a roupa que xa non se use, evitando acumular obxectos innecesarios que xa non resulten de utilidade. Unha boa opción é regalalos ou ben vendelos en mercados e aplicacións online de segunda man; nunca tiralos.

Pero, máis aló das iniciativas de educación e concienciación ambiental en materia de residuos, que son unha constante na estratexia corporativa de Sogama, a empresa, no marco do proxecto de ampliación do complexo industrial de Cerceda, xa conta, desde novembro de 2018, cunha nova planta de recuperación de materiais contidos na denominada bolsa negra (residuo convencional) na que se logra clasificar, con tecnoloxías de última xeración enmarcadas na industria 4.0, ata 11 tipoloxías de residuos para a súa posterior remisión á industria transformadora, propiciando a súa conversión en recursos.

INNOVACIÓN TECNOLÓXICA APLICADA A RESIDUOS

Así mesmo, e nese afán de renovación e mellora continua, a empresa acometeu a principios do ano en curso a remodelación da antiga planta de reciclaxe, tratamento e elaboración de combustible a fin de actualizar procesos e optimizar funcionalidades.  Será este mesmo verán cando Sogama culmine as obras de ampliación do seu complexo industrial, que pasará a converterse no máis innovador, eficiente e moderno de Europa, e un dos de maior envergadura no actual escenario mundial.

Cun investimento de 29 millóns de euros, a ampliación de Sogama permitirá que a entidade trate de forma óptima todos os residuos que chegan ás súas instalacións e, no marco das directrices europeas, sexa capaz de cuadriplicar as súas taxas de reciclaxe e chegar, xa en 2020, ao vertido técnico cero (10%), obxectivo establecido polo Parlamento Europeo para os países membros no horizonte de 2035. Isto quere dicir que Sogama dará debido cumprimento a este reto con 15 anos de antelación.

Non debe esquecerse que a media de vertido en España rolda o 57%, e que Sogama, de forma progresiva, veu diminuíndo o depósito de lixo en vertedoiro, prevendo baixar ao 10% o próximo ano, porcentaxe que aglutina aquela parte dos refugallos que, dadas as súas características, non se pode reciclar nin recuperar enerxeticamente.

Nunha xornada tan emblemática como a de hoxe, Día Mundial do Medio Ambiente, Sogama quere estreitar lazos coa cidadanía para facer efectiva a recuperación de residuos e a súa transformación en recursos.

A vía industrial, a través da innovación tecnolóxica, xunto coa maior colaboración dos concellos e cidadáns, propiciará que a nosa comunidade poida contribuír, de forma decidida e con garantías, ao cumprimento dos obxectivos europeos e avanzar así cara ao verdadeiro desenvolvemento circular da nosa comunidade: máis reciclaxe e menos vertido.

Entra en www.sogama.gal e descobre #RRR. O MEDIO AMBIENTE NECESITA A TÚA AXUDA

http://www.sogama.gal/reciclaxe/index.html

5 Xuñ 2019

Galería