- Con esta ampliación, o ente local pretende que cada vez sexan máis as vivendas que autoxestionen a súa materia orgánica, dados os seus beneficios ambientais e económicos, pois, ademais de obter un compost de alta calidade, evítase o tratamento finalista desta fracción de residuos e o custo asociado ao mesmo
Cerceda, 18 de febreiro de 2026.- Sogama dotou ao Concello de Paderne (a Coruña) cunha nova partida de composteiros (15 unidades) que, sumados a entregas anteriores, fan un total de 125 as familias adscritas ao programa de autocompostaxe que esta empresa pública lidera en Galicia.
Con esta ampliación, o ente local pretende que cada vez sexan máis as vivendas que autoxestionen a súa materia orgánica, unha alternativa que lles permite obter un abono ecolóxico, 100% natural, que polo xeral cumpre todos os requisitos establecidos pola normativa vixente para ser aplicado na agricultura e xardinería con máximas garantías e sen limitacións.
Dado que os orgánicos conforman en torno ao 40% da composición media dunha bolsa de lixo doméstico tipo, se esta porcentaxe se recupera no propio fogar e se evita o seu depósito no contedor da rúa, os concellos poderán obter importantes beneficios, tanto ambientais como económicos, xa que se evita o tratamento finalista desta fracción de residuos.
Ademais dos composteiros, Sogama entregará aos veciños participantes cubos marróns con capacidade para 10 litros (cuxa función será o traslado dos restos orgánicos desde a vivenda ao composteiro, que debe situarse no exterior da mesma e en contacto directo coa terra) e manuais didácticos de apoio. Tamén impartirá un curso de formación presencial no que explicará a operativa a seguir: desde a propia montaxe do composteiro e localización do mesmo, ata os residuos que se deben introducir neste recipiente, como facer o seguimento do proceso e que parámetros deben ser controlados para garantir que o resultado sexa exitoso. É o caso do osíxeno, a temperatura e a humidade.
O curso, que será impartido por técnicos ao servizo desta empresa pública, terá lugar o próximo 17 de marzo, ás 19:00 horas, no Salón de Actos da Casa do concello. Unha semana despois, concretamente o 25 de marzo, impartirase outra sesión, tamén na Casa do concello, que estará orientada neste caso ao alumnado das dúas escolas unitarias coas que conta o municipio.
Saúdos, Departamento de Comunicación