- Trátase dun proxecto de Economía Dixital Galicia, cuxa sexta edición foi presentada o pasado 24 de marzo nun acto presidido por Alfonso Rueda, e no que tamén estivo presente o máximo responsable desta Sociedade pública, Javier Domínguez
- O grupo de empresas salientables nesta categoría está encabezado por Inditex, que superou a valoración de 90 puntos sobre 100, seguida por outras 9 que obtiveron valoracións superiores aos 80 puntos, entre as que figura a Sociedade Galega do Medio Ambiente
Cerceda, 8 de abril de 2026.- Sogama atópase entre as 10 compañías que lideran o bo goberno no Atlas Galego da Empresa Comprometida, un proxecto de Economía Dixital Galicia, que este ano alcanzou a súa sexta edición, e que foi presentado o pasado 24 de marzo, en Santiago de Compostela, nun acto presidido por Alfonso Rueda, presidente da Xunta, e ao que tamén asistiu o presidente desta Sociedade pública, Javier Domínguez Lino.
O grupo de empresas salientables nesta categoría está encabezado por Inditex, que superou a valoración de 90 puntos sobre 100, seguida por outras 9 que obtiveron valoracións superiores aos 80 puntos e que conseguiron o máximo número de estrelas (5). É o caso de Sogama, Optare Solutions, BorgWarner, Plexus Tech, Profand, Grupo Faro, Congalsa, Grupo Gestán e Delikia.
O Atlas analiza o compromiso das empresas galegas co bo goberno a través de cinco dimensións complementarias: ética empresarial, transparencia informativa, gobernanza sostible, adhesión ao Pacto Mundial da ONU e contribución fiscal.
En conxunto, os resultados desta edición mostran un comportamento relativamente estable, cun nivel xeral de implantación das prácticas de bo goberno que pode considerarse satisfactorio, destacando especialmente o avance gradual da gobernanza vinculada á sostibilidade. De acordo cos autores do documento, os economistas Marcelino Fernández Mallo e Fernando de Llano, isto é debido, entre outros factores, ao crecente coñecemento especializado en sostibilidade por parte dos órganos de goberno e ao seguimento sistemático dos riscos e oportunidades neste ámbito.
Os resultados do Atlas Galego da Empresa Comprometida mostran que un 92% das compañías participantes ten código ético e un 69% esixe tamén aos provedores o seu cumprimento, presentando así unha base sólida en materia de bo goberno, con avances na integración da sostibilidade nas estruturas de decisión e na consolidación de políticas éticas.
Fonte e Imaxe: Economía Digital