- Máis aló dos beneficios ambientais inherentes á autoxestión da materia orgánica, a compostaxe doméstica tamén representa unha oportunidade para o aforro de custos ao diminuír as entregas de residuos a esta empresa pública para o seu tratamento final
Cerceda, 26 de xuño de 2026.- Redondela (Pontevedra) recibirá de Sogama unha nova partida de 25 composteiros (con capacidade para 400 litros cada un e fabricados con materiais reciclados e reciclables) para a súa posterior entrega a outras tantas vivendas unifamiliares que dispoñan de terreo e que se sumarán ao programa local de autocompostaxe co fin de elaborar o seu propio compost.
Con isto, o Concello pontevedrés pretende contribuír en maior medida a previr a xeración de residuos e a diminuír a súa produción, toda vez que, na composición media dunha bolsa de lixo tipo, os restos orgánicos representan ao redor do 37-40%. Desta forma, aprovéitanse na propia vivenda en forma de abono, que os usuarios aplican posteriormente nos seus xardíns e cultivos, pechando así o propio ciclo da natureza.
Se ben a segregación de materia orgánica sempre foi unha práctica habitual no rural galego, o composteiro propicia que o proceso de fermentación se leve a cabo con maior comodidade e resulte máis hixiénico e eficiente.
Ao igual que en campañas anteriores, Sogama remitirá a Redondela manuais didácticos de compostaxe doméstica nos que se explica de forma detallada a operativa a seguir para elaborar un compost de alta calidade e que cumpra con todos os requisitos contemplados na normativa vixente. No mesmo indícase o lugar idóneo para no que colocar o compostador, que debe estar próximo á vivenda, en contacto directo coa terra para facilitar a entrada de microorganismos descompoñedores e nunha zona protexida das inclemencias meteorolóxicas. Igualmente, desgránase a relación de materiais que deben, e non deben, ser depositados no recipiente, e aconséllase que a mestura entre fracción húmida e seca sexa equilibrada, ademais da conveniencia de realizar un seguimento de parámetros con gran incidencia no resultado final, como son o osíxeno, a temperatura e a humidade.
Así mesmo, a empresa pública ponse ao dispor do ente local para impartir un curso de formación presencial destinado aos usuarios co fin de resolver dúbidas e ampliar a información, non só sobre a compostaxe doméstica en particular, senón sobre o programa de recollida selectiva de residuos en xeral.
Máis aló dos beneficios ambientais inherentes á autocestión da materia orgánica, a compostaxe doméstica tamén representa unha oportunidade para o aforro de custos ao diminuír as entregas de residuos para o seu tratamento final en planta industrial.
Saúdos, Departamento de Comunicación