- Ao redor de 60 estudantes visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer in situ a súa operativa e dimensións, toda vez que no mesmo se centraliza o tratamento dos residuos producidos por 304 concellos
Cerceda, 21 de maio de 2026.- Ao redor de 60 estudantes de 3º de ESO e de Formación Profesional Básica na rama de electricidade, visitaron o Complexo Medioambiental de Cerceda para coñecer in situ a xestión de Sogama.
O centro considerou necesario que o alumnado obtivese información sobre o sistema maioritario de xestión de residuos municipais en Galicia, toda vez que conta con 304 municipios adscritos e atende a unha poboación de máis de 3,2 millóns de habitantes.
A través de distintos recursos divulgativos, os educadores ao servizo desta Sociedade explicaron a operativa da empresa, cuxo obxectivo é converter os residuos en recursos, ben a través da súa reciclaxe, fundamentalmente no casos dos envases, ben a través da compostaxe da materia orgánica, ou ben mediante a valorización enerxética da fracción non reciclable, obtendo a partir da mesma electricidade 50% renovable e coa que se podería abastecer ao 12% dos fogares galegos, evitando a súa vertedura.
Un percorrido virtual con lentes inmersivas 360º, permitiulles descubrir as instalacións polas que circula o residuo para recibir tratamento e acceder a moitos dos recunchos que estarían limitados nun itinerario guiado a pé por razóns de seguridade.
O encontro culminou cunha serie de xogos orientados a que os alumnos e alumnas puxeran a proba os seus coñecementos en reciclaxe e afianzasen o apreso, reservando a parte final da xornada para un coloquio no que deixaron constancia das súas opinións e observacións, ademais de consultar as súas dúbidas e mesmo realizar propostas para mellorar a colaboración cidadá.
Saúdos, Departamento de Comunicación