- A empresa pública subministrou a este Concello unha nova partida de composteiros, sumando un total de 213 os proporcionados ata o de agora
- A xornada terá lugar o próximo 25 de setembro, ás 18.30 horas, no Edificio de Usos Múltiples
- Técnicos de Sogama explicarán polo miúdo a operativa a seguir para obter un compost de alta calidade que poida ser aplicado na agricultura con garantías
Cerceda, 14 de setembro de 2026.-Logo da subministración dunha nova partida de composteiros ao Concello de Covelo, que acada así as 213 unidades, Sogama impartirá neste municipio un novo curso presencial orientado á veciñanza adscrita ao programa local de compostaxe doméstica.
A formación terá lugar o próximo 25 de setembro, no Edificio de Usos Múltiples (18.30 horas), semana na que tamén se conmemora o Día Europeo da Agricultura Ecolóxica (23 de setembro).
Técnicos desta empresa pública serán os encargados de dar unha charla, reforzada con distintas ferramentas didácticas, a través da cal explicarán os pasos a seguir para obter un compost de alta calidade que cumpra os requisitos establecidos pola normativa vixente e que, polo tanto, reúna as condicións para ser aplicado na agricultura con absolutas garantías e sen restricións.
Así, o persoal de Sogama orientará aos asistentes sobre o mellor emprazamento para o composteiro, que debe situarse próximo á vivenda, nunha zona sombreada e protexida das inclemencias meteorolóxicas, e, por suposto en contacto directo coa terra para que os organismos descompoñedores accedan ao mesmo e poidan realizar o seu traballo.
Tamén precisará polo miúdo aqueles residuos que deben, e non deben, introducirse no recipiente e proporcionará as pautas para o control de parámetros que influirán no resultado final: osíxeno, temperatura e humidade.
Así mesmo, a xornada será aproveitada para que os asistentes poidan consultar dúbidas, ampliar información e trasladar os seus comentarios sobre o proceso.
Saúdos, Departamento de Comunicación