- O lanzamento desta nova ferramenta de comunicación enmárcase no plan estratéxico da empresa 2025-2030, que ten como un dos seus eixos prioritarios a transformación dixital
- Con este asistente conversacional baseado en intelixencia artificial, Sogama activa un servizo de atención permanente á cidadanía, dando resposta inmediata ás súas consultas e evitando así tempos de espera
- Igualmente, con esta ferramenta poderá tomar boa nota das reflexións e propostas dos internautas, que a bo seguro serán de gran utilidade para unha mellor orientación da súa estratexia corporativa
Cerceda, 21 de maio de 2025.- No seu firme compromiso coa transparencia, o diálogo construtivo cos grupos de interese e a colaboración cos distintos colectivos sociais para avanzar cara a unha xestión máis sostible e circular dos residuos municipais, Sogama vén de implantar na súa páxina web www.sogama.gal un chatbot (asistente conversacional baseado en intelixencia artificial) co obxectivo de mellorar a atención dixital aos internautas e facilitar o acceso a información do seu interese.
Esta iniciativa forma parte do proceso de modernización abordado por esta empresa pública dentro do seu plan estratéxico 2025-2030, que ten como un dos seus eixos prioritarios a transformación dixital, tanto a nivel industrial (a través da robotización) como administrativo e agora tamén no eido da comunicación externa.
Inmediatez, accesibilidade e dispoñibilidade
Consciente de que a relación entre a cidadanía e as institucións públicas está a evolucionar cara a modelos de atención máis inmediatos, accesibles e dispoñibles, Sogama pretende ser tamén un instrumento de axuda para os visitantes do seu sitio web e resolver ao momento as súas dúbidas, proporcionándolles os datos que demandan sen necesidade de que naveguen por múltiples apartados. Así mesmo, quere tomar boa nota das súas reflexións, inquietudes e propostas, que a bo seguro serán de gran utilidade para unha mellor orientación da súa estratexia empresarial.
Ante o elevado número de consultas, tanto de particulares como de entidades de diversa índole, que a compañía recibe diariamente a través de distintas canles, e que van desde asuntos referentes á súa propia estrutura interna e funcionalidades ata o contedor de destino dun determinado residuo, a Sociedade Galega do Medio Ambiente decidiu poñer en marcha este proxecto co principal obxectivo de dar contestación inmediata a preguntas frecuentes, valéndose para isto dun servizo de atención permanente as 24 horas do día e os 7 días da semana. Así mesmo, permitiralle canalizar de forma ordenada dúbidas complexas e mellorar o acceso á información de utilidade: prevención e redución da xeración de residuos en orixe, separación dos materiais en función das súas características e correcto depósito no contedor axeitado, e importancia da participación da poboación no sistema de reciclaxe e na transición cara a un modelo de economía circular que poña fin ás malas prácticas de usar e tirar, e que impulse a transformación de residuos en recursos.
A implantación dun asistente conversacional intelixente vai máis aló da súa función como chatbot, podendo converterse nunha interesante porta de relación dixital entre cidadanía, sostibilidade e un servizo público, básico e esencial, como é a correcta xestión dos residuos.
Saúdos, Departamento de Comunicación