- Técnicos da empresa pública impartiron nesta localidade coruñesa un curso de formación presencial ao que asistiron representantes das 30 novas familias que se sumaron a esta iniciativa local, así coma outros veciños interesados na autoxestión da materia orgánica
Cerceda, 27 de outubro de 2026.- Representantes das familias adscritas ao programa de compostaxe doméstica promovido polo Concello de Cariño (A Coruña), e no que colabora Sogama, recibiron un curso de formación a cargo de técnicos desta empresa pública sobre a operativa a levar a cabo co fin de obter un abono de alta calidade para ser aplicado, con garantías, en hortas, xardíns e terras de cultivo.
Ao finalizar a xornada repartíronse os 30 composteiros achegados pola Sociedade Galega do Medio Ambiente, aínda que moitos outros veciños que acudiron a esta cita por interese e curiosidade, decidiron apuntarse nunha lista de espera aberta polo ente local para ampliar o programa a novas vivendas.
Os recipientes, con capacidade para 400 litros, están fabricados con materiais reciclados e reciclables, e posibilitan que o proceso de fermentación da materia orgánica se leve a cabo dunha forma máis cómoda, eficiente e hixiénica.
Ademais de explicar os beneficios ambientais que trae consigo a autoxestión da materia orgánica, os técnicos mostraron ao público como montar o composteiro, labor para a que non se necesitan ferramentas ao estar integrado por pezas que se ancoran entre si, e explicaron o proceso a seguir: residuos que deben, e non deben, introducirse no mesmo, a necesidade de procurar un equilibrio entre fracción húmida e seca, o control de parámetros de gran relevancia tales coma o osíxeno, a temperatura e a humidade, e aplicacións do compost resultante.
Para participar nesta iniciativa, resulta imprescindible que os usuarios habiten nunha vivenda unifamiliar con terreo, propiciando así que se peche o ciclo de xestión dos restos orgánicos, que regresan á terra para dar unha nova vida.
Os veciños tamén foron obsequiados con manuais didácticos de apoio nos que se describe a técnica e dáse resposta ás dúbidas e preguntas máis frecuentes, servíndolles como recurso de consulta en todo momento.
A sesión, celebrada no Local Social da Casa do Concello, concluíu cun coloquio no que os asistentes tiveron a oportunidade de trasladar os seus comentarios, consideracións e observacións, ademais de consultar as súas dúbidas.
Saúdos, Departamento de Comunicación