- Javier Domínguez asiste á IFAT Munich para obter unha foto actualizada das novidades do sector e analizar o posible encaixe das mesmas na operativa da empresa pública
- A feira pon o foco en áreas de interese e nas que xa está inmersa Sogama como son a reciclaxe do téxtil, a transformación de residuos en recursos, a valorización enerxética e a implantación de solucións baseadas na IA
Munich, 5 de maio de 2026.-O presidente de Sogama, Javier Domínguez, asiste estes días á IFAT Munich, a feira líder a nivel mundial nas últimas tecnoloxías dispoñibles vinculadas ao sector dos residuos e á economía circular, co fin de incorporar as técnicas máis novidosas e sostibles á xestión dos residuos en Galicia.
Dado que a empresa pública atópase inmersa en distintas iniciativas sobre as que a feira alemá pon o foco -como é o caso da transformación dixital, a descarbonización, a xestión de residuos téxtiles ou a maior eficiencia da valorización enerxética da parte non reciclable-, tanto o presidente coma o xefe da área técnica de Sogama, José Antonio Álvarez Alcoba, trasladáronse á cidade alemá para manter unha completa axenda no marco deste evento.
Ao longo destes días acudirán aos diferentes relatorios e manterán reunións coas distintas compañías provedoras asistentes. Tamén participarán en actividades de networking técnico e en demostracións interactivas. Todo isto co obxectivo de ter unha foto actualizada das novidades do sector e analizar o posible encaixe das mesmas na operativa de Sogama, mellorando así os procesos industriais, orientados sempre a converter os residuos en recursos de utilidade conforme aos preceptos da economía circular.
Subliñar que, no seu afán de mellora continua na prestación dun servizo público de calidade que contribúa ao benestar dos cidadáns, Sogama sempre apostou pola modernización das súas instalacións e a innovación, así como pola incorporación das técnicas e tecnoloxías máis eficientes coas que levar a cabo unha xestión máis sostible dos residuos, compatibilizando desta forma a súa actividade industrial coa protección do medio ambiente e a saúde das persoas.
Novidades do sector e valorización enerxética
O evento, que arrincou onte e culminará o vindeiro xoves, 7 de maio, conta con máis de 3.300 expositores de 60 países e estrutúrase en diversas seccións especializadas en temas de máxima actualidade: reciclaxe do téxtil, materias primas secundarias, valorización enerxética de nova xeración, transformación de residuos en recursos, solucións baseadas na Intelixencia artificial e cidades do futuro, entre outras.
Unha das cuestións que se abordarán no marco da feira será a da valorización enerxética como produtora de recursos. Nese sentido, cómpre lembrar que en Europa hai actualmente 500 plantas de valorización enerxética e que esta tecnoloxía está perfectamente asentada nos países máis avanzados e comprometidos co medio ambiente, que son precisamente os que máis reciclan e menos verten.
Nesta liña, o posicionamento de IFAT Munich 2026 é claro: a valorización enerxética debe deixar de ser visualizada como queima de lixo para converterse nun centro de produción de recursos e combustibles limpos.
Saúdos, Departamento de Comunicación