- O contrato, que rexerá por un período de 3 anos, contempla os labores de operación, mantemento e limpeza das instalacións, ademais da distribución e comercialización do abono obtido, con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería
- Pola súa banda, a empresa pública tamén sacou a concurso o servizo de control de pesacr e mantemento de básculas no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), cun importe superior aos 2,2 M€ e un período de 4 anos
Cerceda, 3 de marzo de 2026.- Sogama acaba de licitar, por un importe de 3.669,972,78 euros (IVE incluído), a xestión integral das plantas de biorresiduos de Cervo (Lugo), Vilanova de Arousa (Pontevedra) e Verín (Ourense), encargadas de tratar, para a súa transformación en compost, a materia orgánica recollida de forma diferenciada a través dos contedores marróns.
O contrato, que rexerá por un período de 3 anos, contempla os labores de operación, mantemento e limpeza das instalacións, ademais da distribución e comercialización do abono obtido, con posteriores aplicacións no sector da agricultura e xardinería.
As tres instalacións aglutinan as distintas fases do proceso de compostaxe dos residuos orgánicos: desde o pretratamento e a fermentación, ata a maduración e o almacenamento, así coma os correspondentes tratamentos de aire e de augas, facendo uso en todo momento das últimas tecnoloxías dispoñibles, tanto de procesado como de control de cheiros e ruído. Desta forma, garántese en todos os casos unha actividade industrial respectuosa co medio ambiente e o benestar da cidadanía.
Ademais, unha parte das mesmas é autosuficiente desde o punto de vista enerxético ao dispoñer de paneis solares fotovoltaicos, contribuíndo desta forma á loita contra o cambio climático.
Cabe lembrar que estas plantas, de carácter público, puxéronse en marcha para axudar aos concellos, que son quen ten as competencias en materia de residuos, a xestionar os seus residuos orgánicos conforme á lexislación vixente. Ás mesmas, xunto ás 13 plantas de transferencia que lles serven de apoio e que foron equipadas cunha tolva específica para o transvasamento da bolsa marrón, destinouse un investimento de 45 millóns de euros, cun cofinanciamento de Fondos Europeos de 30 millóns.
Máis de 2,2 M€ para control de pesaxe
Así mesmo, a empresa pública sacou a concurso o servizo de control de pesaxe e mantemento de básculas no Complexo Medioambiental de Cerceda (A Coruña), esencial para levar a cabo un control das cantidades de residuos que entran nesta infraestrutura e procedencia dos mesmos, así como dos materiais que saen con destino aos recicladores.
Este contrato, cun importe máximo de licitación de 2.219.055,59 euros, estará en vigor durante 4 anos.
O prazo para a presentación de ofertas a ambas as dúas licitacións conclúe o próximo 1 de abril, ás 14:00 horas.
Saúdos, Departamento de Comunicación