- Educadores especializados detallarán os residuos que deben, e non deben, introducirse neste recipiente, así coma o tratamento que reciben para ser convertidos en compost
- As xornadas serán aproveitadas para lembrar os pormenores do sistema de recollida selectiva no seu conxunto e resolver as dúbidas da comunidade escolar, reforzando a aprendizaxe con xogos, presentacións e talleres
Cerceda, 14 de outubro de 2026.- Co fin de incrementar a achega de materia orgánica ao contedor marrón e garantir o seu posterior tratamento na planta de biorresiduos situada na parroquia de Baión (Vilanova de Arousa, Pontevedra), Sogama ofertou aos centros educativos, tanto de primaria como de secundaria, a impartición de sesións formativas presenciais a cargo de educadores e técnicos especializados.
O obxectivo desta iniciativa é explicar con detalle a relación de residuos que poden, e non poden, depositarse neste recipiente, así como a operativa da infraestrutura na que reciben tratamento, insistindo na necesidade de que haxa unha boa separación en orixe a fin de que o compost resultante sexa de boa calidade e, polo tanto, cumpra con todos os requisitos para ser aplicado con garantías no sector da agricultura e xardinería.
Cunha capacidade para 15.000 toneladas anuais, a planta de Vilanova forma parte, xunto con outras tres plantas de biorresiduos (Cerceda, na Coruña; Cervo, en Lugo; e Verín, en Ourense) e trece plantas de transferencia de apoio, da rede pública para a compostaxe dos refugallos orgánicos recollidos polos servizos municipais a través do recipiente marrón, á que se destinou un investimento superior a 45 millóns de euros, dos cales 30 millóns foron achegados polos fondos europeos REACT-EU.
Sogama, consciente de que o sector escolar constitúe un magnífico colectivo de reforzo nas tarefas educativas vinculadas á protección do medio ambiente e que mesmo poden levar a cabo un labor pedagóxico ao redor da xestión sostible dos residuos, tanto no seu eido familiar como social, non escatima esforzos en volcarse cun colectivo aberto á aprendizaxe de boas prácticas, máis aló das propias do currículo académico.
Dado que a materia orgánica representa ao redor do 40% da composición media dunha bolsa de lixo tipo e que o canon que os concellos deben pagar por esta fracción é moi inferior ao da bolsa negra, a compostaxe representa unha magnífica vía para que as arcas locais aforren custos.
As sesións serán aproveitadas para lembrar os pormenores do sistema de recollida selectiva de residuos no seu conxunto e resolver as dúbidas da comunidade escolar, reforzando a aprendizaxe con xogos, presentacións e talleres.
Saúdos, Departamento de Comunicación