- Así se recolle no informe anual sobre o Estado Mundial do Clima 2025, da OMM
- Nas dúas últimas décadas, o océano absorbeu cada ano a calor equivalente a 18 veces o consumo enerxético anual da humanidade
- O período 2015-2025 foi o máis cálido desde que hai rexistros. O ano pasado acadouse unha temperatura media global de 1,43 °C por riba dos niveis preindustriais
Cerceda, 7 de abril de 2026.- Por primeira vez, o informe anual sobre o Estado Mundial do Clima 2025, da Organización Meteorolóxica Mundial (OMM), inclúe o desequilibrio enerxético da Terra coma un dos seus indicadores clave. E a conclusión é clara: en 2025 acadou un novo máximo histórico.
Cada ano, a Terra recibe enerxía do sol e devólvea ao espazo. Cando o sistema está en equilibrio, a cantidade que entra e sae é aproximadamente a mesma. Pero ese equilibrio rompeuse ao reter o planeta cada vez máis calor e a máis velocidade.
O exceso de enerxía que a Terra retén non se distribúe de xeito uniforme. Apenas o 1% queda na atmosfera, o 5% almacénase nos continentes e outro 3% utilízase para fundir xeo. Pero o resto, máis do 91%, remata no océano. Esa inmensa capacidade de absorción convérteo nun amortecedor que evitou un quecemento aínda máis seveiro en terra. Non obstante, nas últimas dúas décadas, o océano absorbeu cada ano o equivalente a 18 veces o consumo enerxético anual de toda a humanidade.
O informe da OMM confirma que o período 2015-2025 foi o máis cálido desde que hai rexistros e o ano pasado acadouse unha temperatura media global de 1,43 °C por riba dos niveis preindustriais.
O desxeo continúa. Os glaciares de referencia perderon masa a un ritmo que sitúa 2025 entre os cinco peores anos da historia.
O nivel do mar segue subindo. En 2025 mantívose en niveis marca, uns 11 centímetros por riba de 1993, e o ritmo de aumento acelerouse na última década.
Ao redor do 90% da superficie oceánica sufriu alomenos unha onda de calor mariña en 2025 e, en terra, as consecuencias foron devastadoras. Ondas de calor, incendios forestais, secas, ciclóns e inundacións causaron miles de mortes, afectaron a millóns de persoas e xeraron perdas económicas multimillonarias.
Advertencia sobre o que vén
António Guterres, Secretario Xeral da ONU, subliñou a gravidade do momento: "A humanidade acaba de soportar os once anos máis calorosos da historia. Cando a historia se repite once veces, xa non é unha coincidencia. É un chamamento á acción", ao que engadiu que, "Nesta era de guerras, a tensión climática tamén revela outra verdade: a nosa adicción aos combustibles fósiles está a desestabilizar tanto o clima como a seguridade global. O informe debería levar unha etiqueta de advertencia: o caos climático acelérase e a demora é mortal”
Fonte e imaxe: ONU