- Así o recolle unha análise do European Parliamentary Research Service (EPRS) do Parlamento Europeo, que anticipa os principais eixos do texto e o debate político que o rodea
- A Comisión pretende converter a economía circular nunha ferramenta clave de competitividade industrial e seguridade de subministración
Cerceda, 18 de febreiro de 2026.- A Comisión Europea presentará, no terceiro trimestre deste ano en curso, a súa futura Lei de Economía Circular (Circular Economy Act, CEA). Así o recolle unha análise do European Parliamentary Research Service (EPRS) do Parlamento Europeo, que anticipa os principais eixos do texto e o debate político que o rodea.
Esta nova norma xorde nun contexto de vulnerabilidade estratéxica: a Unión Europea importa practicamente o 100% de elementos críticos como as terras raras, mentres que as taxas de reciclaxe de materiais estratéxicos coma o litio permanecen por baixo do 1%. Ao mesmo tempo, a pegada material europea alcanza as 14 toneladas por habitante ao ano, moi por riba da media mundial, o que implica que cada cidadán europeo xera indirectamente a extracción desa cantidade de recursos naturais cada ano.
Ante este escenario, a Comisión pretende converter a economía circular nunha ferramenta clave de competitividade industrial e seguridade de subministración. Actualmente, a taxa de uso circular de materiais na UE é do 12%, co obxectivo de duplicala en 2030. Con todo, a xeración de residuos continúa a ser elevada: en 2022 producíronse 5 toneladas de residuos por persoa, das cales o 41% reciclouse e o 30% acabou en vertedoiro. Ademais, os residuos perigosos aumentaron un 31% respecto a 2010.
No plano comercial, en 2023 a UE rexistrou un déficit de 29.000 millóns de euros en materias primas. En 2024 exportou 36 millóns de toneladas de materiais reciclables e importou 47 millóns de toneladas. Por iso, un dos piares da futura norma será a creación dun mercado único de materias primas secundarias. O informe do EPRS advirte de que a fragmentación normativa entre Estados membros xera inseguridade xurídica e limita o comercio transfronteirizo de materiais reciclados.
A Comisión prevé revisar a Directiva Marco de Residuos, a Directiva de Vertedoiros e a Directiva sobre residuos de aparellos eléctricos e electrónicos (RAEE), ademais de harmonizar os criterios de “fin de condición de residuo” e promover medidas que melloren a calidade e a demanda de materiais reciclados. Actualmente, en moitos sectores, estes materiais continúan a ser máis caros que os virxes, polo que reducir esta brecha de prezo será determinante para que a economía circular sexa viable a escala industrial.
O EPRS considera que, nun contexto marcado pola volatilidade dos mercados globais, a futura Lei de Economía Circular pode converterse nun instrumento crave para reforzar a autonomía estratéxica europea, mellorar a resiliencia industrial e avanzar cara a un modelo menos dependente de recursos externos. O debate político xira agora ao redor de se a norma debe incluír obxectivos vinculantes de redución do consumo de recursos, ademais de metas de eficiencia.
Fonte e imaxe: ASEGRE